Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Xa está aberta na praza da Inmaculada a “Casa dos Libros Orfos”

24/04/2024

Dende onte, 23 de abril, Día do Libro, está en funcionamento, nun dos quioscos da céntrica Praza da Inmaculada,  a “Casa dos libros orfos”, unha iniciativa da Biblioteca Municipal tudense. No antigo quiosco a Biblioteca tudense depositou un amplo conxunto de libros repetidos ou descatalogados que pon ao dispor da cidadanía que pode collelos en calquera momento para gozar dun rato de lectura na propia Praza ou levalo á casa, e mesmo quedarse con el coa única condición de deixar outro no seu lugar. Nesta “Casa dos libros orfos” tamén teñen cabida os libros que xa non interesan nos andeis domésticos, coa condición que no sexan enciclopedias ou libros obsoletos.

Como indican dende a Biblioteca Municipal:  este quiosco convértese así nun espazo de acollida de libros e de lectores onde teñen cabida os libros que xa non teñen espazo na nosa biblioteca ou nos andeis das nosas casas, os libros que non teñen quen os lea...  son libros orfos os que queremos darlle neste quiosco a súa casa.

En palabras de Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura, esta proposta trata de achegar os libros á veciñanza, dándolle unha nova oportunidade aos libros repetidos de converterse nunha ocasión de lecer, de coñecemento ou de enriquecemento persoal. A concelleira convida á veciñanza a achegarse a esta “Casa dos libros orfos” cunha chamada a manter o orde nos andeis deste quiosco e a non estragar as obras alí depositadas.

Esta actividade forma parte da programación do “Mes das Letras” que promove a concellería de Ensino, Cultura e Mocidade a través da Biblioteca Municipal. A próxima cita será este venres, 26 de abril, ás 20 h coa presentación do libro de Felín Romero: “Querida Arcea”, organizado pola Liberia Nobel, na Sala Municipal de Exposicións (Edificio “Francisco Sánchez”).