Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Exposición fotográfica "A auga, a sangue da terra" de Manuel Valcárcel

Data: 
1/02/2018
Lugar: 
Sala de Exposicións Municipal na Área Panorámica

Do 1 ao 22 de febreiro a Sala de Exposicións Municipal na Área Panorámica acolle a exposición «Auga, o sangue da terra» de Manuel Valcárcel.  

A exposición «Auga, o sangue da terra», realiza un un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.

As imaxes están distribuídas en tres bloques.

O primeiro, «Os estados da auga», recolle fotografías tomadas en Nova Celandia e Galicia, co río Lor como protagonista, que plasman o paso da auga en estado sólido ao líquido e, ao mesmo tempo, os engarces entre a montaña e o mar.

O segundo bloque «A auga e a vida» presenta imaxes de dous lugares do continente asiático. Un deles é Varanasi, na India, por onde pasa o río Ganges, que forma parte da vida espiritual dos hindús e é destino sacro de peregrinación. O segundo lugar é Longshen Guilin, na China, onde o manexo da auga por parte do ser humano determinou a paisaxe. As ladeiras reconstruíronse con terrazas nas que se cultiva o arroz.

O terceiro bloque «Vivindo na escaseza»  trata sobre a escaseza e ausencia de auga. Inclúe imaxes de Malí e os seus pescadores bozo, quen, aproveitando a época seca, recollen todo o peixe que poden no río Níxer para despois vendelo. A escaseza de auga tamén se ilustra con imaxes do deserto de Atacama, onde a seca deu lugar a unha paisaxe lunar.

A mostra chega a Tui froito do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Tui, Abanca e Afundación

Inauguración: xoves, 1 de febreiro, ás 19.30h.

Horario de visita: de luns a venres de 9.00 a 14.00 h e de 15.00 a 21.00 h e os sábados de 9.00 a 13.00 h.