Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Cine nas aulas

O programa “O Cine nas Aulas” desenvolvido polo Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Tui emprega o cinema coma ferramenta para levar a cabo actividades de prevención entre os escolares do municipio abordando deste xeito diversos problemas que se rexistran na sociedade actual.

Búscase con este programa conxugar o divertimento co elemento educativo, coa finalidade de facer máis atractivo o ensino e, deste xeito, cumprir con maior eficacia o obxectivo perseguido.  Estes dous planos – diversión e educación – atopan no cinema un excelente soporte e ferramenta de traballo que permite captar a atención dos máis novos, apoiar a súa capacidade de reflexión e favorecer a análise e a crítica dos contidos educativos que se presentan.

A través do visionado de filmes e co posterior traballo nas aulas, coas unidades elaboradas pola técnica de prevención, perséguese o fortalecemento de determinadas actitudes e a potenciación de valores, que permitan aos mozos e mozas afrontar problemas  coma o consumo de drogas, a violencia, o acoso escolar…

O programa vai dirixido ao alumnado de Primaria e Secundaria dos centros educativos tudenses.  

En concreto trabállase cos alumnos e alumnas de 2º da ESO que durante os dous primeiros trimestres do curso escolar traballan nas aulas en dúas unidades didácticas, que incorporan información, exercicios e actividades, tras o visionado da correspondente película. A mesma dinámica lévase a cabo cos escolares do 3º Ciclo de Primaria que asisten a unha proxección no primeiro trimestre co posterior traballo na aula. As proxeccións lévanse a cabo no Teatro Municipal da Área Panorámica.

Áreas: 
Servizos Sociais