Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Pregoeiro

Antón Corral foi designado polo Concello de Tui  - acordo plenario do 22 de marzo de 2018 - coma pregoeiro das Festas de San Telmo 2018.  É unha figura clave na recuperación e pulo da música tradicional e dos instrumentos tradicionais en Galicia. Dende 2008 reside en Tui onde xunto ao seu neto, Ramón Corral, creou o obradoiro Antón Corral. 

A lectura do pregón terá lugar o sábado, 31 de marzo, ás 19.30h nun acto previsto na praza de San Fernando, no que se contará coa intervención da Banda de Gaitas Xarabal, da que foi fundador e director. 

*En caso de choiva o acto de lectura do pregón celebrarase no Teatro Municipal na Área Panorámica

Currículo de Antón Corral  - Pregón 

Antón Corral naceu na Coruña o 11 de xullo de 1936. A súa infancia e adolescencia transcorreu na cidade de Lugo, onde tivo os primeiros contactos coa música nun centro educativo, da man do mestre Antonio Sandar, con que aprendeu as primeiras nocións de solfexo e a tocar o clarinete e a gaita, e participou nalgúns grupos tradicionais da contorna.

Na Escola Militar de Infantería en Santiago de Compostela perfeccionou a súa técnica musical en diferentes instrumentos como membro da Banda de Infantería. Iniciouse coma profesor de gaita no concello.  Regresou a Lugo onde mantivo unha intensa actividade musical, dando clases e tocando en grupos como Os Modernos. A mediados dos anos cincuenta entrou a formar parte dos Montes, actividade que compaxinou con outros traballos, que o dirixiron cara á profesión de viaxante comercial.

Tras sufrir problemas de saúde en 1973 decidiu refuxiarse no oficio artesán, no que foi autodidacta. Contou cunhas guías de amigos gaiteiros, como Amadeo Goyanes, e montou o seu primeiro obradoiro, coa colaboración da súa dona Isaura Fernández, no baixo da súa casa na cidade de Lugo. Eses primeiros ensaios na construción de gaitas compaxinábaos con clases en distintos colectivos e asociacións como “Cántigas e Frores”.

En pouco tempo o seu desenvolvemento como artesán de gaitas faise notable e relaciónase con outros artesáns, como Xosé Seivane. Trala morte de Paulino Pérez, o artesán da Escola taller da Deputación de Lugo, dá un novo xiro aos seus proxectos, e en 1975, xunto con Jesús Pérez, convértese en artesán desa institución. Comezou a construír e a investigar sobre a zanfona e continúou a mellora das gaitas, influído polo seu afán investigador e polos consellos dos propios tanxedores.

Tras presentarse certas dificultades no desenvolvemento da súa función Escola taller da Deputación de Lugo aceptou a oferta de trasladar o seu saber facer á vila de Ortigueira, onde no ano 1976 tiña nacido o Festival Internacional do Mundo Celta.

A comezos do ano 1979 en Ortigueira traballa arreo na mellora de diversos avances que xa iniciara nos instrumentos, no seo da Deputación, e crea o seu primeiro grupo de zanfonas, pitos e requintas cos que percorre varias asociacións culturais realizando mostras didácticas musicais. Xunto a Rogelio de Leonardo Bouza, levou a cabo un proxecto que revolucionaría o devir da construción de gaitas, coa creación e posta en práctica do “Septimino”.

A falta de apoio por parte da administración fixo que o proxecto didáctico fracasase e Antón Corral emprendeu unha nova etapa, de regreso en Lugo, na que se dedicou exclusivamente a construír. Alí co apoio de antigos alumnos organiza  un novo obradoiro: “Soutelo de Montes”, onde continúan facendo mostras didácticas musicais sobre os instrumentos que constrúen.

En 1982 realizaron una exposición e mostra musical en Vigo que acadou grande éxito, o que conlevou que dende o concello ofreceran a persoas ligadas á cultura tradicional, como Wenceslao Cabezas (Polo), desenvolver o seu labor de mestre artesán na Universidade Popular de Vigo, que daquela estaba a nacer.  Antón Corral xunto aos seus artesáns colaboradores, Ramón Casal e o seu fillo Carlos Corral, sumouse ao ano seguinte á este proxecto.

En Vigo levou a cabo un labor investigador que o levou a construír o primeiro organistro en Galicia para ser tanxido, a imaxe do esculpido en pedra no Pórtico da Gloria. Creo o grupo didáctico musical coa intención de divulgar os instrumentos populares galegos, entre eles o organistro, e organizou unha banda de gaitas en 1984 co nome de Xarabal, que dirixiu ata despois da súa xubilación no ano 2001.

No ano 2008, tralo falecemento da súa dona Isaura Fernández, traslada a súa residencia a Tui. En San Bartolomeu formou ao seu neto Ramón Corral como artesán e creou o Obradoiro Antón Corral de Tui.  Entre 2010 e 2011 organizou o terceiro grupo didáctico con membros de agrupacións da zona. O grupo didáctico do Obradoiro Antón Corral ofrece concertos didácticos nos que mostra as posibilidades, a historia e as características pouco coñecidas de instrumentos tradicionais como a zanfona, o pito pastoril galego, a requinta, gaitas en distintas tonalidades e instrumentos de percusión como os pitos, o charrasco, tamboril, entre outros.  Colabora amais Antón Corral con festivais, centros de ensino musical, asociacións…

Son varios os recoñecementos que Antón Corral ten recibido:

  • Premio "Artesán distinguido" outorgado por La obra sindical de artesanía (Madrid, 1977).
  • Premio "Diseño" do Ateneo de Ourense (Ourense, 1983).
  • Premio "Gaita de Ouro" do Ateneo de Ferrol (Ferrol,1996).
  • Premio "Reconquista de Vigo" concedido polo Concello de Vigo. (Vigo, 1990).
  • Premio da crítica musical (Círculo Ourensán de Vigo, 2001).
  • Premio Vigués Distinguido, outorgado polo Concello de Vigo en  2001.
  • Premio Opinión de 2009, outorgado pola Asociación de Gaiteiros Galegos.
  • Premio Recuncho da palleta en 2010, do programa da Radio Galega “Lume na Palleira”
  • Premio da música Var con V 2013, concedido polo Var con V
  • Premio Honorífico Martín Códax da Música. Pontevedra 2016

En 2016  a editorial Canela publicou o biografía Antón Corral. A Alborada dun Soño da autoría de Fina Fernández.

O venres 26 de xaneiro de 2018 celebrouse no Teatro Municipal de Tui a Gala Homenaxe ao mestre Antón Corral na que participaron Carlos Núñez, Anxo Lorenzo, Anxo Pintos, Pancho Álvarez, a banda de gaitas Xarabal, o grupo Santa Columba de Ribadelouro, e as bandas de gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei e Arume de Malvas.