Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Adxudicado o anteproxecto e estudo de viabilidade do aparcamento subterráneo na traseira da Área Panorámica

13/03/2018

A construción deste servizo debería estar en marcha no próximo ano

O Concello de Tui vén de adxudicar o anteproxecto e estudio de viabilidade do aparcamento subterráneo na traseira da Área Panorámica por un valor de 17.500€ máis IVE. O estudio de arquitectura adxudicatario encargarase tamén da redacción dos pregos técnicos para a posterior adxudicación do proxecto e da construción do aparcamento subterráneo, cuxa construción debería estar en marcha no que queda do actual mandato.

Despois de ter dialogado con varias empresas o concello chegou á conclusión de que para a viabilidade económica do investimento a concesión do aparcamento soterrado ten que ir ligada á implantación da zona azul nas rúas céntricas de Tui xestionada pola mesma empresa. Así o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, sinala que “obviamente ninguén pode pretender que un investidor se gaste unha enorme suma de diñeiro nun aparcamento soterrado se este vai estar rodeado de aparcamento gratuíto”. Engade o rexedor que o  obxectivo é “atraer a Tui un investimento privado superior aos dous millóns de euros que permita paliar a problemática da escaseza de aparcamento e poder urbanizar a traseira da Área Panorámica, dando cumprimento ao que o Plan Xeral contempla para esa zona, a súa conversión en zona verde”.  Por último conclúe Vázquez Padín que “a propia configuración urbana de Tui fai do aparcamento un ben escaso” polo que “con esta actuación lograremos optimizar o uso dese recurso escaso e atraer investimento a Tui”. Precisa amais que no remate do período de concesión o aparcamento pasaría a ser de propiedade municipal.