Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Aloiada 2018 terá lugar os días 14 e 15 de xuño coa participación de todos os centros educativos de Tui

8/06/2018

Máis de 200 nenos e nenas de sexto de primaria convivirán durante dúas xornadas no Monte Aloia

Esta mañá presentouse no salón de plenos do Concello de Tui a Aloiada 2018, que se celebrará os días 14 e 15 de xuño e na que participarán máis de 200 nenos e nenas de sexto de primaria dos centros educativos de Tui.

Trátase dunha actividade organizada polos colexios CEIP Nº1, Nº2, Pazos de Reis, Guillarei, Rebordáns e Maristas, á que este ano se unen tamén por primeira vez os centros educativos de Randufe e Caldelas,  e que conta coa colaboración co Concello de Tui. Os alumnos participantes realizarán durante os dous días diferentes actividades deportivas no Parque Natural do Monte Aloia e no río Miño.

Na presentación desta mañá interviñeron o alcalde de Tui, Carlos Vázquez, o concelleiro de deportes, Andrés Urseira,  a concelleira de educación, Milagros González, a xefa de estudios do CEIP Nº1, Marta Álvarez, o director do CEIP Nº2, Luis Ruiz, o director do CEIP de Pazos de Reis, Manuel Fálquez, o director do CEIP de Rebordáns, José Luís Martínez, a directora do CEIP de Guillarei, María Liliana González, a directora do CPR Santa María Maristas, Patricia Bugarín, e o director do CEIP de Randufe, Ricardo Alonso.

Na súa intervención o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, quixo destacar as que considera as tres dimensións principais desta actividade: a convivencia entre nenos de distintos centros educativos, o mellor coñecemento do medio natural tudense a través do Monte Aloia e o río Miño e favorecer o contacto coa natureza.

O concelleiro de Deportes, Andrés Urseira, salientou a importancia de que este ano participen por primeira vez todos os centros educativos de Tui, así como os valores que pode aportar aos nenos e nenas antes de dar o paso á ensinanza secundaria. Resaltou amais que se trata dunha oportunidade para moitos cativos de realizar actividades ás que non teñen acceso.

A concelleira de Ensino, Milagros González, puxo tamén o acento na incorporación dos CEIP de Randufe e Caldelas e na experiencia de convivencia que suporá a actividade para todos os participantes.

Manuel Fálquez, director do CEIP Pazos de Reis, foi o encargado de explicar como naceu o proxecto e a programación das xornadas, que se desenvolverán dende a primeira hora do xoves 14 até as 19h do venres 15 de xuño. As actividades que poderán realizar os nenos e nenas inclúen sendeirismo, hípica, orientación ou piragüismo.

A directora do CEIP de Guillarei, María Liliana González, falou na súa intervención da grande cantidade de colaboradores e patrocinadores privados que facilitan a realización das xornada. Amais recoñeceu o labor de todos os profesores que traballan para poñer en marcha o proxecto.

Os directores dos CEIP Nº2, Rebordáns e Randufe, así como a directora do Colexio Maristas e a xefa de estudos do CEIP Nº1 aproveitaron as súas intervencións para destacar tamén a aprendizaxe de convivencia que suporán as xornadas para os alumnos e alumnas, que se enfrontan cunha grande ilusión a esta iniciativa.