Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Coordinar os distintos corpos para continuar garantindo as necesidades de seguridade na zona afectada pola explosión obxecto da Xunta Local celebra hoxe

11/06/2018

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, e a subdelegada do goberno en funcións, Ana Ortiz, copresidiron esta mañá a Xunta Local de Seguridade extraordinaria celebrada na casa do concello para tratar os asuntos relacionados coa protección na zona da explosión no barrio da Torre en Paramos. Estiveron presentes representantes da Garda Civil, da Policía Local e Nacional e dos Bombeiros, entre outros.

Ao remate da reunión o alcalde, Carlos Vázquez Padín,  explicou que se trataba dunha reunión de coordinación entre os distintos corpos de seguridade para garantir que as necesidades estean cubertas en cada momento, como está a acontecer. Sinalou amais que até a data non se produciu ningunha denuncia de roubo nas vivendas afectadas pola explosión e que confían na responsabilidade dos mandos das forzas de seguridade para que a situación continúe así.

Previamente a Xunta Local de Goberno aprobou as bases das axudas aos afectados pola explosión que se concederán con cargo ao Fondo de Emerxencia.

Ao mediodía o alcalde e o xerente urbanístico desta catástrofe Rubén Vázquez, reuníronse en Santiago coa directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, para seguir traballando en “vías para buscar un encaixe urbanístico á reconstrución”.

En canto á solicitude de declaración de Zona Gravemente Afectada por unha Emerxencia de Protección Civil, o alcalde de Tui asegurou que van seguir unha liña que evite a confrontación política, pero que igualmente van estar moi pendentes  dos movementos dende o goberno central.

Deu conta tamén de que esta semana encargarase o estudo de xestión de residuos previo aos labores de desentullo, tal e como se acordou o pasado venres. O mandatario municipal afirmou que se trata do primeiro paso para facer fronte ás tarefas na zona e que o Concello pedirá tres orzamentos entre os que decidirán a adxudicación, xa que se trata dunha situación extraordinaria na que non se pode tardar en dar a resposta que precisan os veciños.