Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Distintas empresas visitan mañá a EDAR de Guillarei convidadas polo Consorcio do Louro co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente

4/06/2018

Co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente que se celebra mañá martes, 5 de xuño, o Consorcio do Louro, convidou a 80 empresas que nos últimos anos acadaron o permiso de vertudura a unha visita guiada ás instalación que se vai celebrar mañá.

A finalidade da visita é dar a coñecer o ámbito de actuación do Consorcio, os seus medios e tecnoloxías e poder mostrar de primeira man o correcto funcionamento da EDAR de Guillarei coas diferentes liñas de tratamento da planta; á súa vez, exporase o motivo das esixencias en materia de auga consideradas tanto na rede de colectores municipais como nas instalacións interiores das industrias.

O Consorcio de Augas do Louro creouse en 2013 como ente supra municipal en materia de augas, comezando a súa andadura efectiva no ano 2014. Este feito contribuíu a dar un paso máis de cara a mellorar e optimizar a xestión integral do recurso auga, coa intención de que isto repercuta nun mellor servizo aos usuarios finais, tanto domésticos como industriais.

Por outro lado, continuouse coa incansable labor de eliminación das verteduras irregulares a medio receptor, coa finalidade de preservar os recursos naturais deste ámbito, especialmente as masas de auga. Nesta última labor, o sector industrial ten un peso importante coa correcta segregación, caracterización e tratamento das augas xeradas nas súas instalacións.

As empresas convidadas que estean interesadas en asistir á visita guiada deben confirmar a súa asistencia mediante o correo electrónico contacto@consorciodolouro.es, indicando o nome da empresa participante, o número de asistentes e o seu cargo.