Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este sábado terá lugar en Tui o Forum Peregrino “Os Camiños de Santiago en Galicia”

26/09/2017
Presentación do I Forum Peregrino

O antigo Convento de San Domingos acollerá esta cita cos Camiños a Santiago

O Centro de Interpretación do Camiño, situado no antigo Convento de San Domingos, será o escenario este sábado, 30 de setembro, do Forum Peregrino “Os Camiños de Santiago en Galicia”, organizado por Iacobus Tui e Baixo Miño, o Concello de Tui e a Deputación de Pontevedra.

A presentación tivo lugar esta mañá na sala de reunións do Concello de Tui a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Turismo e Deportes, Laureano Alonso, e a concelleira de Ensino e Cultura, Mª José González, xunto á presidenta de Iacobus Tui, Mº Victoria Álvarez, e o membro desta asociación, e Alfonso Ferreira, membro desta asociación.

Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, quixo manifestar que será unha ocasión para reivindicar o papel de Tui no Camiño Portugués, pero tamén para concienciar sobre a necesidade de facer fronte dende as administracións públicas aos distintos desafíos que se presentan.

Do mesmo xeito, Laureano Alonso, concelleiro de Turismo e Deportes, quixo aproveitar a ocasión para destacar a importancia do Camiño Portugués para a cidade de Tui dende o ámbito espiritual e relixioso, pero tamén turístico e incluso deportivo.

Pola súa parte, Mª Victoria Álvarez, presidenta de Iacobus Tui e Baixo Miño, presentou este Forum como unha cita para dar a coñecer distintos aspectos dos Camiños de Santiago e aprender da súa riqueza, e quixo destacar que a participación está aberta a todas as persoas interesadas en coñecer ou compartir aspectos dos Camiños de Santiago.

Neste Forum daranse cita representantes dos distintos Camiños de Santiago en Galicia, que falarán sobre as actividades que se están a realizar en cada un deles e das problemáticas ás que se enfrontan.

Para falar do Camiño Sanabrés-Mozárabe estará presente o vicepresidente da Asociación de Amigos Vía Plata – Camiño Mozárabe Ourense, José Antonio Quintas Vázquez, do Camiño de Inverno tratará a intervención da presidenta da Asociación Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, Asunción Arias, e sobre o Camiño Francés disertará Jorge López, presidente da Asociación de Amigos do Camiño da Comarca de Sarria. Tamén se poderá coñecer máis do Camiño Primitivo da man da Asociación Amigos del Camino de Santiago en Lugo e do seu presidente, Ángel Trabada Gómez, que pechará as intervencións da mañá.

Xa pola tarde as conferencias serán sobre o Camiño de Fisterra a cargo da vicepresidenta da Asociación Galega Amigos do Camiño de Santiago, Begoña Valdomar, e sobre o Camiño Portugués en Galicia con Alfonso Ferreira en representación da Asociación Iacobus Tui e Baixo  Miño. Amais está pendente de confirmación a participación de Luís Fernández Ansedes, da Asociación “Abrindo o Camiño” de Amigos do Camiño Norte a Santiago.

Durante esta xornada está tamén programado un concerto musical na Igrexa de San Domingos a cargo dos alumnos do Conservatorio de Tui, e unha visita á Igrexa de San Bartolomeu guiada polo director do Arquivo capitular e histórico diocesano e párroco de San Bartolomeu, Don Avelino Bouzón. A citá terá o seu punto e final cunha cea comunitaria e unha queimada.

Programa de actividades

30 de setembro de 2017. Centro de Interpretación do Camiño de Santiago no antigo Convento de San Domingos.

10:00 h Apertura e presentación

10:15 h Benvida aos assistentes do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e saúdo das autoridades presentes

10: 30 h Camiño Sanabrés-Mozárabe. Asociación de Amigos Vía Plata - Camiño Mozárabe Ourense. José Antonio Quintas Vázquez, vicepresidente

11:00 h O Camiño de Inverno. Asociación Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras. Asunción Arias Arias, presidenta

11:30 h Pausa café

12:00 h Camiño Francés. Asociación de Amigos do Camiño da Comarca de Sarria. Jorge López, presidente

12.30 h Camiño Primitivo. Asociación Amigos del Camino de Santiago en Lugo. Ángel Trabada Gómez, presidente

12:30 h Actuación musical

14:00 h Xantar

16:00 h Visita guiada á Igrexa de San Bartolomeu. D. Avelino Bouzón, director do Arquivo capitular e histórico diocesano e párroco de San Bartolomeu.

18:00 h Camiño de Fisterra. Asociación Galega Amigos do Camiño de Santiago. Begoña Valdomar, vicepresidenta.

18:30 h Camiño do Norte. Asociación “Abrindo Camiño” de Amigos do Camiño Norte de Santiago. Luís Fernández Ansedes  (por confirmar)

19:00 h Camiño Portugués en Galicia. Asociación Iacobus Tui e Baixo Miño. Alfonso Ferreria.

19:30 h Entrega de lembranzas

20:00 h Actuación musical na igrexa de San Domingos a cargo de alumnos do Conservatorio de Tui

Cea comunitaria. Queimada de peche