Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A gastronomía será un dos pratos fortes das Festas de San Telmo 2018

23/02/2018

Recupérase a Festa do Meixón que se celebrará nos restaurantes do 24 de marzo ao 9 de abril

A gastronomía será un dos pratos fortes das Festas de San Telmo de 2018 que se van celebrar en Tui do 31 de marzo ao 9 de abril na que se realiza unha forte aposta por celebrar os festexos na rúa.

Así o expuxeron esta mañá na presentación deste evento, declarado de interese turístico galego, o alcalde, Carlos Vázquez Padín, e o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría.

A recuperación da Festa do Meixón, nesta ocasión nos restaurantes locais, dende o sábado 24 de marzo ao luns 9 de abril, é a principal aposta no eido gastronómico deste ano. Os restaurantes que participarán nesta iniciativa que ofrecerán a ración de meixón cun prezo fixo. Para promocionar o evento e coma inicio da festa gastronómica o sábado 24 de marzo pola mañá haberá unha showcooking co meixón coma protagonista.

O alcalde, Carlos Vázquez, Padín avanzou amais que “as festas de San Telmo terán un carácter máis rueiro” citando coma exemplo o traslado da lectura do pregón do Teatro Municipal á Praza de San Fernando, e con pasacorredoiras e actuacións nas rúas. O programa previsto darase a coñecer ao completo en quince días pero o rexedor avanzou xa esta mañá que entre as diversas actividades deportivas previstas están moi avanzadas as negociacións para a celebración dun partido de fútbol nas instalacións deportivas Álvarez Durán entre o Real Club Celta e un equipo da primeira división portuguesa.

Por outra parte Carlos Vázquez Padín avanzou que as atraccións volverán á traseira da Área Panorámica, terán un fío musical común para todas elas, e  haberá un rigoroso control do volume, por parte dunha empresa especializada, e aquelas que o superen o límite establecido recibirán un advertencia, e se reinciden serán precintadas. Por esta vía o Concello recadará 15 mil euros para o financiamento das propias festas.  As atracción montarán o 27 de marzo e deberán estar fóra do recinto o 11 de abril. Márcase amais dende o Concello un horario de funcionamento que será do 29 de marzo ao 1 de abril de 18 a 00h, do 2 ao 5 de abril de 18h a 23h, e do 6 ao 9 de abril de 18h a 2.30h.

No programa previsto non faltarán as orquestras e algún concerto que se darán a coñecer proximamente xunto ao resto das actividades i eventos previstos.