Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Máis de 200 persoas despediron hoxe nun sinxelo acto a Abdelkhalek el Bouabi Hailas e Ezzoura Bouadel

11/06/2018

Máis de 200 persoas achegáronse esta tarde ao parque do Souto para despedir a  Abdelkhalek el Bouabi Hailas e Ezzoura Bouadel falecidos o pasado 23 de maio na explosión no barrio da Torre en Paramos.

O acto comezou cun minuto de silencio tras o cal o alcalde, Carlos Vázquez Padín, manifestou que “todo o concello nos sentimos partícipes e solidarios coas perdas dos veciños do barrio da Torre da parroquia de Paramos e da parroquia de Guillarei” engadindo que “só hai unha cousa que non poderemos remediar, por moito que pase o tempo, que é a perda de dúas vidas humanas, a perda do matrimonio Abdelkhalek el Bouabi Hailas e Ezzoura Bouadel que faleceron” deixaron aos seus dous fillos orfos “que é o que máis nos fire e máis nos doe a todos os tudenses”.  Sinalou o rexedor que dende o Concello estase pendente da situación dos dous menores, que nestes momentos son tutelados pola Xunta. Apuntou o rexedor que “non podo máis que sumarme a este sentimento de solidariedade e profunda dor que sinte o concello de Tui e especialmente  estas parroquias de Paramos e Guillarei” para engadir que “dende o concello imos facer todo o posible por axudarvos a superar este difícil trance, por axudarvos, e que Paramos volva a súa normalidade o antes posible”.

Carlos Vázquez Padín quixo agradecer o exemplar comportamento da comunidade marroquí que  “a pesar de estar vivindo unha traxedia de forma moi directa, mantiveron a calma, e demostraron que son uns cidadáns exemplares”.

Por último interveu Noureddine Eljabraovi, voceiro da comunidade marroquí para agradecer a asistencia ao acto e a solidariedade amosada tras esta traxedia, así coma o labor dende o Concello en permanente coordinación con eles.