Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Música, cinema, gastronomía e deporte no Verán Cultural de Tui

12/07/2018

A programación vén recollida no número 36º da axenda Corredoira Cultural

A música encherá o verán tudense nos distintos actos previstos dende esta fin de semana até o mes de setembro. A programación, que inclúe tamén cinema, deporte e gastronomía, foi presentada este mediodía na casa do concello. Esta oferta cultural vén recollida no número 36º da Axenda Corredoira Cultural da que se editan 15 mil exemplares que son distribuídos en Tui e Valença.  Esta publicación achega tamén a programación de outono/inverno conformada por oito eventos que se celebrarán no Teatro Municipal de Tui de outubro a decembro.

Compareceron ante os medios de comunicación o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, unha representante da Asociación Lembranzas da Terra de Guillarei, Alicia González Pérez, a directora do IKFEM, Andrea González,  un representante da Escola de Gaitas e Baile San Fins organizadora da Noite Internacional do Miño, Alfonso González, unha representante do curso Tamara Brooks, Aloia Martínez, o director de Música no Claustro, Samuel Diz, e a directora de Arraianos, Andrea Costa.

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, destacou a oferta variada, equilibra e rica que presenta esta programación apuntando que “no mundo da cultura e da programación cultural de Galicia Tui ten un recoñecemento e unha traxectoria importante cunha axenda cultural consolidada”. Ao tempo destacou a vertente solidaria de varios dos eventos que se van celebrar este verán cos afectados de Paramos e Guillarei, engadindo que esta solidariedade cos afectados pola explosión no barrio da Torre está tendo unha vertente transversal nos distintos actos que se celebran na cidade.  O concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, salientou pola súa banda o variado repertorio de eventos que van dende o cinema infantil, a música, as representacións teatrais no outono, e citas tradicionais no verán tudense.

A primeira das propostas da programación do Verán Cultural terá lugar mañá venres, 13 de xullo, coa primeira das proxeccións de “Cinema no Verán”. A cita será ás 22.30h na praza de San Fernando coa película “El hijo de Bigfoot”. O cinema de animación para todos os públicos continuará os venres 27 de xullo con “Cavernícola”, o 3 de agosto con “Coco” e o 24 de agosto con “Ferdinand”.

Baixo o título de “Concertos de Verán”  a Banda de Música Popular de Tui ofrecerá tres concertos no Paseo da Corredoira, este sábado 14 de xullo, o sábado 11 de agosto e o sábado 1 de setembro, sempre ás 21.30h.

Por outra parte este domingo, 15 de xullo, o Paseo Fluvial acollerá o Concerto Solidario “Todos con Paramos” no que actuarán as bandas de gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei e San Xoán de Paramos xunto a alumnado do Conservatorio de Tui. Alicia González, da Asociación Cultural Lembranzas da Terra, explicaba esta mañá que buscan así renderlle unha homenaxe aos seus veciños despois dos duros momentos vividos nas últimas semanas tras a explosión do 23 de maio.  A entrada solidaria terá un prezo de 3€ e poderase mercar o propio domingo ou anticipadamente en distintos establecementos. Os concertos comezarán ás 21.30h pero dende ás 19h terán servirán petiscos, bocadillos e bebidas. Toda a recadación será para a Asociación de Afectados de Paramos e Guillarei.

Baixo  o lema “Women Sound” celebrarase do 20 ao 24 de xullo o IKFEM, o Festival Internacional de Instrumentos de Tecla da Eurocidade Tui-Valença, que homenaxeará as mulleres compositoras e intérpretes de Galicia e Portugal. Un evento que coma explicaba a súa directora, Andrea González, terá amais carácter solidario na xornada inaugural, o próximo venres 20 no Paseo Fluvial, onde combinarán o lecer con kaiaks, ioga, foodtrucks, zona infantil, coa música de Najla Shami, Julio Resende, Ghost Beaste e ela mesma.

O Parque do Laxal en Rebordáns, será o escenario o martes, 24 de xullo ás 21h da XIX Noite Internacional do Miño que organiza a Escola de Baile e Gaitas San Fins de Rebordáns. Alfonso González, membro da organización, expuxo que este ano terán a disciplina e ritmos da cultura xaponesa con “Saiki”, a forza e a acrobacia do grupo “Razdolie” da República de Buriata, e o corido e ritmos latinos da Compañía Artística Danzar Colombia e do Ballet Argentino Calden Gaucho.

O martes, 14 de agosto, a Catedral de Tui acollerá o concerto de clausura do curso 29º Curso de Verán “Tamara Brooks” que terá lugar na cidade do 1 ao 14 de agosto. Aloia Martínez explicou esta mañá que o concerto de clausura terá este ano unha vertente especial xa que unha mostra do aprendido polos alumnos no curso.  Será dirixido por Fernando Briones e Julio Domínguez, pero tamén polos alumnos de dirección do propio curso, que se situarán ao fronte das actuacións corais a capela, da orquestra e do coro e a orquestra.

Samuel Diz, o director artístico de “Música no Claustro” avanzou que o elemento trece deste festival que aúna patrimonio e música será o escudo de Diego de Avellaneda, que os levou a un diálogo co Museo Nacional da Escultura de Valladolid. A programación a desenvolver do 4 ao 10 de agosto, será presentada en breve.

Dentro desta programación o río ten tamén o seu protagonismo coa VIII Festa do Miño que se celebrará o sábado 18 de agosto. Unha xornada festiva que comezará coa romaría popular na ribeira de Caldelas, continuará co VIII Descenso Popular do Miño e o XLVII Descenso Internacional, e que xa pola noite contempla a VII Festa Gastronómica na rúa Lugo e o concerto de Anxo Lorenzo Band.

O programa Vive o Camiño achegará ata Tui a actuación do poeta e contacontos Celso F. Sanmartín “Celsiño” e da cantautora MJ Pérez o xoves 30 de agosto na Praza de San Fernando. E o ciclo Falaredes presentará a Xoán Curiel con “A casa do terror” o xoves 27 de setembro no Teatro Municipal.

A programación estival pecharase co Festival da Cultura Arraiana, Arraianos que se celebrará do 31 de agosto ao 2 de setembro. Un evento que como explicaba a súa directora, Andrea Costa, busca fomentar a cultura, o turismo, a historia,… a vida en Tui nunha festa única cun carácter moi persoal

.