Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O alcalde concreta ao presidente do goberno as peticións do concello para a atención á zona afectada pola explosión de Paramos

26/06/2018

Lémbrase a solicitude de declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil, e se demanda que o goberno asuma o desentullo, complemente as axudas da Xunta, e a exención do IBI e de tributación da axudas aos afectados

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, vén de concretar ao presidente do goberno, Pedro Sánchez, as peticións do Concello de Tui para a atención á zona afectada pola explosión de material pirotécnico nun almacén clandestino rexistrada o pasado 23 de maio. Así o explica nunha carta enviada no día de hoxe na que reitera a invitación realizada, o pasado día 15, ao presidente do goberno, Pedro Sánchez, para que visite Tui e poida coñecer así de primeira man as graves consecuencias da explosión.

Lembra o rexedor o acordo unánime da corporación municipal solicitando a declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil, detallando nesta segunda misiva as principais peticións do concello ao goberno central para “lograr canto antes a volta á normalidade na zona afectada”.

Así se sinalaba a solicitude de que o goberno central se faga cargo do financiamento e da contratación do desentullo, cuxo custe se poderá coñecer co proxecto de xestión de residuos encargado polo concello por importe de 59.048 € ao que se suma a adxudicación do desamiantado por 346.060,01€.

Tamén se solicita ao goberno central que se complementen as axudas da Xunta de Galicia, a través do IGVS, tanto para os afectados que teñen seguro coma para os que non, e tanto para primeiras coma para segundas vivendas.  A terceira petición refírese a exención do pago do IBI e da tributación das axudas para a rehabilitación de vivendas para aos afectados cuxas casas quedaron destruídas ou inhabitables.