Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O cinema protagonista na programación desta fin de semana no Teatro Municipal de Tui

6/02/2018

Será coa proxección de “Ballerina” o venres e de “María (e os demais)” o sábado

Esta fin de semana o Teatro Municipal continúa coa súa programación cultural deste primeiro semestre de 2018, e faino con dúas proxeccións cinematográficas, unha delas de animación infantil e a outra unha comedia dramática.

O venres, 9 de febreiro, ás 20h o Teatro Municipal acolle unha proposta para todos os públicos co filme de animación “Ballerina”. Trátase dunha historia dirixida por Éric Summer e Éric Warin pensada especialmente para os nenos e que en 86 minutos conta a historia de Felicia, unha rapaza orfa con grande determinación e o único soño de converterse en bailarina. Para facer realidade o seu obxectivo na máxica París vivirá divertidas aventuras xunto ao seu amigo inventor, Víctor.

O sábado, 10 de febreiro, ás 20.30 a proposta é unha comedia dramática non recomendada para menores de 7 anos: "María (e os demais)". O filme, que se proxectará en galego, ten unha duración de 96 minutos e fala da historia de María, que dende a morte da súa nai se encarga de coidar dos seus irmáns e do seu pai. A súa situación de muller responsable e sustento da familia, da que se sente orgullosa, vese ameazada cando este último anuncia que casa coa súa enfermeira e María comprende que debe comezar a vivir a súa propia vida. Dirixida por Nely Reguera a película conta coa interpretación de Bárbara Lennie, José Ángel Egido ou Pablo Derqui, entre outros.

As entradas estarán á venda para a proxección de “Ballerina” o venres dende ás 18.30h no despacho de billetes ao prezo de 3,5€ e 2,5€ para quen teña dereito aos descontos establecidos por desempregado, familia numerosa, estudante, xubilado ou socio da biblioteca tudense. No caso de “María (e os demais)” o despacho de billetes abrirá o mesmo sábado ás 19h e as entradas terán un prezo de 5€ ou 3,5€ con algún dos descontos. Por problemas técnicos esta semana non estará dispoñible a venda online de entradas para ningunha das proxeccións.

 

BallerinaBallerina

  • Teatro Municipal de Tui
  • Data: Venres 9 de febreiro de 2018, ás 20h
  • Entradas: á venda o venres dende ás 18.30h no despacho de billetes
  • Prezos: 3,5€ para o público en xeral e 2,5€ con desconto

 

María e os demaisMaría (e os demais)

  • Teatro Municipal de Tui
  • Data: Sábado 10 de febreiro de 2018, ás 20.30h
  • Entradas: á venda o sábado dende ás 19h no despacho de billetes
  • Prezos: 5€ para o público en xeral e 3,5€ con desconto