Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Consorcio do Louro restrinxe o 20% o subministro a 85 grandes empresas e prohibe baldeos e regas en fincas particulares

22/11/2017

O obxectivo é reducir un 10% o consumo en dez días

Ante a grave situación de alerta por seca o Consorcio do Louro restrinxirá o subministro a 85 grandes empresas e prohibe o baldeo e regas en fincas particulares. Buscan deste xeito cumprir o obxectivo fixado por Augas de Galicia de reducir o 10% o consumo total en dez días.

Para cumprir ese obxectivo identificaron a 85 grandes consumidores, aos que notificaron unha restrición do 20% do volume diario subministrado durante un prazo inicial de 10 días, para o cal se tomaron lecturas iniciais dos contadores de cada empresa.

Por outra banda, todos aqueles usuarios que teñan consumido máis de 2.000.000 de litros en 2016 pasarán a pagar a tarifa de usuario non doméstico, medida coa que se pretende fomentar o control detallado dos consumos, a modernización e a eficiencia dos procesos produtivos de cada empresa.

Como segunda medida restrínxese o baldeo e rega de parcelas e xardíns privados a todos os usuarios dos catro concellos que forman o consorcio, Tui, O Porriño, Salceda e Mos.  Esta medida adoitase logo de ter restrinxido, a principios de outubro, o baldeo e rega de zonas públicas e logo de ter intensificado no último mes as inspeccións para detectar e reparar fugas, medidas que teñen permitido aforrar uns 400.000 litros ao día.

Amais destas actuacións, o Consorcio ten realizado diversas melloras técnicas na potabilizadora de Os Valos, o que permitirá aforrar outros 200.000 litros máis ao día.

Dende o Consorcio do Louro solicitan a todos os usuarios a máxima colaboración na redución dos consumos para lograr manter unhas reservas de auga que garantan o subministro á poboación o máximo número de días posible.