Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O delegado do goberno en Galicia confirma ao alcalde o envío do informe a Madrid para a declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil está xa en Madrid

5/07/2018

O concello deberá aportar unha peritaxe que servirá de documento base

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, valora positivamente a boa disposición amosada polo delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, na reunión de traballo celebrada esta mañá na Coruña. Na mesa Javier Losada confirmou que hoxe mesmo remiten o informe ao Ministerio de Interior para tramitar a declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de Protección Civil.

O mandatario tudense agradeceu a disposición tanto do delegado, como da subdelegada na provincia, Maica Larriba, para axudar aos afectados pola explosión de material pirotécnico no barrio da Torre o pasado 23 de maio.  Aínda que polo momento non se poden fixar prazos para a declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil, o delegado si anticipou ao alcalde a necesidade dunha peritaxe de toda a área afectada realizada por técnicos municipais ou da Deputación, que servirá de documento base para desenvolver os decretos unha vez que  se produza esta declaración por parte do goberno central. Por este motivo, o alcalde solicitará novamente á Deputación a dotación de maior persoal á area urbanística que atende a catástrofe, ao tempo que agradece a achega dun aparellador dúas mañás á semana, que xa confirmou a Deputación pero que resulta insuficiente.

Neste encontro o alcalde reiterou a solicitude para que sexa o Estado quen asuma a contratación do desentullo, complete as axudas para a reconstrución das vivendas cando non sexa suficiente as achegas concedidas pola Xunta ou a cobertura dos seguros, así coma que estableza a exención fiscal o IRPF destas axudas, ao tempo que os afectados queden exentos do pago de tributos coma o IBI, o ICIO, ou das taxas urbanísticas.