Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O IV Trofeo de Baile Deportivo Eurocidade terá lugar o domingo 26 de novembro

17/11/2017

Esta mañá na sala de concelleiros de Tui tivo lugar a presentación do IV Trofeo de Baile Deportivo Eurocidade. Este evento celebrarase o domingo 26 de novembro, no pavillón municipal de Valença, e co mesmo pecharase o Calendario de Actividades Deportivas da Eurocidade 2017.

A presentación correu a cargo do alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, do concelleiro de Deportes de Tui, Andrés Urseira, do vereador de Desporto de Valença, José Monte, así como do responsable do evento, Miguel Abreu.

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, aproveitou a súa intervención para felicitar tanto aos responsables de deporte de Tui e Valença como aos organizadores do evento. Amais quixo poñer de relevancia que con propostas coma esta se constata  que a axenda conxunta está a dar un paso máis na súa consolidación.

Pola súa parte, Andrés Urseira, concelleiro de Deportes de Tui, quixo destacar como esta iniciativa é un xeito de eliminar as barreiras entre os dous lados do Miño tamén dende o punto de vista burocrático, ao tratarse dun esforzo de cooperación para traballar con dúas federacións distintas.

José Monte, vereador de Desporto de Valença, tamén resaltou estas actividades como a esencia da Eurocidade, facendo un balance positivo da programación deportiva conxunta deste 2017.

Miguel Abreu, como organizador do evento, foi o encargado de explicar máis polo miúdo os aspectos técnicos dunha competición na que haberá distintas modalidades e contará para as puntuacións tanto da Federación Española de Baile Deportivo como do Trofeo do Norte de Portugal. Amais apunto que, aínda que o prazo de inscrición está aberto, agardan a participación de preto de 300 persoas de idades que van desde os 6 anos ata máis de 65.