Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O pregón de Antón Corral abre este sábado as festas na honra a San Telmo 2018

28/03/2018

O acto celebrarase no Teatro Municipal ante a previsión de choiva. Actuará a banda de gaitas Xarabal

A lectura do pregón das festas de San Telmo a cargo do mestre Antón Corral abrirá este sábado oficialmente as festas na honra a San Telmo 2018. O acto celebrarase ás 19.30h no Teatro Municipal de Tui, aínda que estaba previsto que se celebrase na praza de San Fernando, as previsión de choiva fixeron que se tivera que cambiar o emprazamento.  Amais do pregón intervirá o alcalde, Carlos Vázquez Padín, e o actuará a Banda de Gaitas Xarabal, fundada por Antón Corral.  A entrada para o acto será libre até completar a capacidade do teatro.

A continuación terá lugar o acendido do alumeado das festas  20.30 h e se o tempo o permite desfilarán polas rúas de Tui os Xigantes e Cabezudos, acompañados polo grupo de gaitas O Mosteiro de Pexegueiro.

Antón Corral

Antón Corral foi designado polo Concello de Tui  - acordo plenario do 22 de marzo de 2018 - coma pregoeiro das Festas de San Telmo 2018.  É unha figura clave na recuperación e pulo da música tradicional e dos instrumentos tradicionais en Galicia. Dende 2008 reside en Tui onde xunto ao seu neto, Ramón Corral, creou o obradoiro Antón Corral. 

Antón Corral naceu na Coruña o 11 de xullo de 1936. A súa infancia e adolescencia transcorreu na cidade de Lugo, onde tivo os primeiros contactos coa música. Foi membro da Banda de Infantería na Escola Militar de Infantería en Santiago de Compostela. Foi membro de Os Modernos, Os Montes,... creou o seu primeiro obradoiro, coa colaboración da súa dona Isaura Fernández, no baixo da súa casa na cidade de Lugo.  En 1975 converteuse en artesán da Escola taller da Deputación de Lugo, e a comezos do ano 1979 trasladase a Ortigueira onde continua traballando en avances que xa iniciara nos instrumentos e crea o seu primeiro grupo de zanfonas, pitos e requintas. Máis tarde crea o obradoiro didáctico “Soutelo de Montes”, e nos oitenta sumouse á Universidade Popular de Vigo. Na cidade olívica levou a cabo un labor investigador que o levou a construír o primeiro organistro en Galicia para ser tanxido, a imaxe do esculpido en pedra no Pórtico da Gloria. Creou o grupo didáctico musical coa intención de divulgar os instrumentos populares galegos, entre eles o organistro, e organizou unha banda de gaitas en 1984 co nome de Xarabal, que dirixiu ata despois da súa xubilación no ano 2001.

Dende 2008 reside en Tui onde en San Bartolomeu formou ao seu neto Ramón Corral como artesán e creou o Obradoiro Antón Corral de Tui, e formou un novo grupo didáctico.

No seu haber conta con numerosos premios e recoñecementos entre eles a "Gaita de Ouro" do Ateneo de Ferrol (Ferrol,1996), o Premio Opinión de 2009, outorgado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, ou o Premio Honorífico Martín Códax da Música (Pontevedra 2016). En 2016  a editorial Canella publicou o biografía Antón Corral. A Alborada dun Soño da autoría de Fina Fernández.

O venres 26 de xaneiro de 2018 celebrouse no Teatro Municipal de Tui a Gala Homenaxe ao mestre Antón Corral na que participaron Carlos Núñez, Anxo Lorenzo, Anxo Pintos, Pancho Álvarez, a banda de gaitas Xarabal, o grupo Santa Columba de Ribadelouro, e as bandas de gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei e Arume de Malvas.

Programación Festas de San Telmo - Sábado 31 de marzo

  • 19.30 h No Teatro Municipal de Tui lectura do Pregón das Festas a cargo de D. Antón Corral. Actuación de Banda de Gaitas de Xarabal. Capacidade limitada.
  • Acendido do alumeado das festas
  • 20.30 h Dende a Praza de San Fernando, pasando pola Praza da Inmaculada e ata a Área Panorámica, desfile de Xigantes e Cabezudos, acompañados polo grupo de gaitas O Mosteiro de Pexegueiro.