Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

O programa DepoIntegra Xove preséntase en Tui

27/02/2018

Oferta o itinerario formativo de “Confección e publicación de páxinas web” na comarca do Baixo Miño.

Mañá mércores, 28 de febreiro, ás 11h na Aula CEMIT Área Panorámica de Tui celebrarase unha xornada sobre o  programa DepoIntegra Xoven que oferta o itinerario formativo de “Confección e publicación de páxinas web” na comarca do Baixo Miño. Estarán presentes a deputada de Emprego, Montserrat Magallanes, e a concelleira de Emprego, Milagros González, e o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría. 

Promovido pola Deputación de Pontevedra ten coma obxectivo integrar no mercado de traballo á mocidade da provincia que non participa nos sistemas de educación nin de formación. Deste xeito, preténdese a integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos no contexto do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, así como das mulleres, persoas paradas de longa duración e colectivos en risco de exclusión social.

A xornada que mañá se celebrará en Tui xornada achegará información completa de “Depointegra Xoven” ás veciñas e veciños da comarca do Baixo Miño que así o desexen. Tamén se aproveitará para a captación das persoas interesadas en participar no mesmo xa que a Deputación abriu o prazo para que as mozas e mozos que desexen formarse a través de “Depointegra Xoven” presenten a súa solicitude.

Máis polo miúdo, mañá en Tui falarase dos obxectivos do programa, das persoas destinatarias do mesmo, das formacións e itinerarios que se ofertan, que na comarca do Baixo Miño será sobre “Confección e publicación de páxinas web”, de nivel 2, con 560 horas e que se estenderá durante 5,5 meses.

O proxecto “Depointegra Xoven” ten por obxectivos integrar de xeito sustentable no mercado de traballo a 405 persoas de entre 16 e 30 anos da provincia que non participa nos sistemas de educación nin de formación, inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. 

Amais da formación para a obtención de certificados de profesionalidade a través de 27 itinerarios formativos, o programa ofrece unha axuda económica mensual de 200 euros ás persoas participantes para os desprazamentos, formación transversal e complementaria en igualdade, idiomas, tecnoloxías da información e da comunicación e ofimática, así como información relativa á inserción laboral e emprendemento. “Depointegra Xoven” tamén ofrecerá ás persoas participantes orientación laboral e titorías individuais e grupais.