Pestanas principais

Tui contará de novo nos próximos meses coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil

2/02/2018

Arestora estase levando a cabo unha campaña de captación de novos voluntarios

Tui contará nos próximos meses novamente coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. O pasado xoves en pleno foi aprobada a reactivación deste colectivo que leva varios anos sen actividade. Nestes momentos está aberto o prazo de inscrición para novos voluntarios para a posterior celebración dunha asemblea da agrupación na que se regularice a situación dos seus membros e se elixa unha nova xunta directiva.

Os interesados, que deben ser maiores de 18 anos, deben presentar a súa solicitude para ser voluntarios da Agrupación Municipal de Protección Civil por rexistro de entrada na casa do concello.

O concelleiro de Seguridade do Concello de Tui, Antonio Castro Negro, explicou que dende o Concello están a estudar os posibles emprazamentos da base deste colectivo que prestará os seus servizos sempre de forma voluntaria.  O seguinte paso, ao retomar a actividade, será dotala de medios materiais , tanto dos que xa existen no Concello, coma doutros novos que poidan chegar a través de achegas da Xunta, que colabora na dotación de medios.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil rexerase polo Regulamento de Voluntarios de Protección Civil de Tui aprobado en novembro de 2016. Os novos voluntarios, de xeito previo a realizar o seu labor no seo da asociación, terá que levar a cabo un curso básico de formación, pudendo posteriormente realizar outras actividades formativas máis específicas.

Modelo de solicitude de inscrición na Agrupación de Voluntarios de Protección Civil