Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui será o punto de partida da peregrinaxe a remo

17/01/2018

Os promotores agardan que se poña en marcha este verán. Realizarase en cinco etapas

Tui será o punto de partida do proxecto de Peregrinaxe a Remo que esta tarde foi presentado na casa do concello polo alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Deportes, Andrés Urseira, o promotor do proxecto Rodrigo Arbones, o deseñador de barcos en kit, Alec Jordan, xunto a representantes dos clubs de Remo de Tui, Bueu e Cangas.

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, indicou que se trata dun proxecto interesante para Tui por todo o que implica que en Tui se ensamblen os barcos de remo para iniciar o camiño dende a cidade. Salientou amais o dobre interese do proxecto por esta vinculado ao río Miño e ao Camiño de Santiago, dous dos grandes activos da cidade.

O concelleiro de Deportes e Turismo, Andrés Urseira, fixo  fincapé no interese turístico deste proxecto co seu carácter diferenciador, e co feito de ter a Tui coma base do mesmo.

Este proxecto do Camiño  plantexa a realización do mesmo en cinco etapas a primeira polo río Miño dende Tui até A Guarda, a segunda dende Vigo, pasando por Cangas, Moaña e San Simón, até Pontevedra, a terceira partiría da cidade do Lérez até Bueu. A cuarta irá dende O Grove até Vilagarcía, e a última remataría en Pontecesures.

Rodrigo Arbones, promotor do proxecto que agardan sexa unha realidade este verán, sinalou que o mesmo xurdiu ante o interese que existía en facer o Camiño de Santiago en barcos de remo de forma discontinua polo río Miño e as Rías Baixas. Tras numerosos contactos nos últimos meses conta xa coa implicación dos dous clubs de remo de Tui, o Remo Tui e o Remo do Miño. O seguinte paso sería o ensamblado dos barcos que proxecto Alec Jordan, con capacidade para catro persoas e un temoneiro, proceso que durará aproximadamente 6 semanas. A navegación farase sempre a menos dunha milla da costa para garantir a seguridade dos peregrinos, e previo ao inicio do Camiño terían que facer un par de días de adestramento en Tui. A iniciativa vai dirixida a todos aqueles interesados pero teñen coma principal público obxectivo o chegado dende Inglaterra ou Escocia, aproveitando amais as viaxes ofertadas por distintas liñas áreas no entorno.

Pola súa parte Alec Jordan explicou coma a idea de barcos en kits xurdiu tras o encargo que lle fixo o Museo Naval de Escocia en 2009, e o que a priori parecía unha boa idea, resultou ser unha gran idea, dicía, xa que teñen distribuído máis de 300 barcos por distintos países.