Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Un xogo de ordenador en tempo real ou películas en 3D forman parte da exposición “Galicia Dixital”

2/08/2006

Un xogo de ordenador en tempo real ou películas en 3D forman parte da exposición “Galicia Dixital”
Ata o domingo podese visitar na Sala de Exposicións Municipal da Área Panorámica de Tui

O Director Xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, e o Concelleiro de Cultura de Tui, Moisés Rodríguez, inauguraron esta mañá a exposición “Galicia Dixital” que ata o domingo se pode visitar na Sala de Exposicións Municipal da Área Panorámica en Tui.

A mostra achega Galicia vista dende distintos formatos dixitais feitos tamén por galegos. Imaxes aéreas, pantallas con imaxes de 360 graos, producións en 3D, xogos de animación, son algunhas das propostas das que ata este domingo poderemos disfrutar en Tui.

O Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, destacou que Tui experimentou nos últimos anos un importante desenvolvemento tanto a nivel de poboación coma dos servizos que se ofrecen aos cidadáns, salientando que o edificio da Área Panorámica é un bo exemplo dese desenvolvemento, sobre todo na área cultural. Engadía tamén que Tui ten unha importante faceta turística e recibe a numerosos visitantes que buscan o coñecemento do noso conxunto patrimonial, sinalando ao tempo que dende o Concello se busca ofrecer unha serie de actividades que faciliten ese coñecemento coma é o caso da exposición “Galicia Dixital”, na que atoparon a colaboración da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual.

Augurou Moisés Rodríguez que a exposición será de gran interese para os tudense pola súa aposta na que converxe a cultura, as novas tecnoloxías, a tradición e a modernidade.Agradecía tamén a colaboración da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e agardaba que no futuro se manteña esa colaboración para seguir ofrecendo aos veciños da cidade novas iniciativas.

O Director Xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, explicou pola súa banda que a exposición que dende hoxe temos en Tui é un extracto da mostra permanente que se atopa no Mosteiro de San Martiño Pinario en Compostela. O seu obxectivo, dicía, é “amosar o que somos capaces de facer os galegos no medio audiovisual”. Engadía que coa exposición agardase que tanto os galegos, coma os nosos veciños portugueses, poidamos ver o que somos capaces de facer neste medio audiovisual. Tamén avanzaba que de cara a próximas convocatorias cambiarán os sistema de elección de proxectos na busca de maior competitividade no sector.

Galicia Dixital, unha aposta polas novas tecnoloxías

Na planta baixa da Área Panorámica se atopa a Sala de Exposicións Municipal de Tui que estes días alberga a mostra “Galicia Dixital”. Na súa entrada o visitante atópase unha pantalla de plasma de 50’’ na que se proxectan os contidos da exposición permanente que se atopa no Mosteiro de San Martiño Pinario en Compostela. Noutra pantalla auto-estereoscópica pódense ollar fotografías realizadas en tres dimensións. A sala está dotada cunha pantalla de 3x2 metros na que os visitantes, cunhas gafas estereoscópicas en 3D poden disfrutar de tres proxeccións: “Amor, amore”, “Viaxe Submarina” e “O peixe falador”. A mostra dispón asemade de dúas pantallas panorámicas para a visualización de imaxes panorámicas de 360º, nas que cada usuario xirando a pantalla coas mans pode facer un percorrido polas cidades do Camiño ou pola rota da Auga en Galicia. Outra das alternativas e viaxar por Galicia co S.A.N.T.I., o sistema avanzado de navegación sobre terreos interactivo, que permite unha proxección semiesférica onde cun joystick o visitante decide cara onde ir. “Galicia Dixital” complétase finalmente cun xogo de ordenador en tempo real convertido a proxección estereoscópica en tres dimensións, o xogador senta nunha cadeira de coche de carreira con volante, freo e acelerador.

A exposición Galicia Dixital lembramos que se pode visitar ata este domingo día 6 polas mañás de 11 a 2 e polas tardes de 5 a 10 da noite, na sala de exposicións municipal da Área Panorámica.