Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Visitas guiadas aos Sambenitos e aos cárceres inquisitoriais

28/10/2017

Serán luns 30 e martes 31 ás 20.15h dende a praza da Inmaculada

O luns 30 e o martes 31 de outubro tudenses e visitantes poderán coñecer un pouco máis o patrimonio e a historia da cidade ligada á Inquisición coas dúas visitas guiadas temáticas programadas para estas dúas xornadas. Sairán os dous días ás 20.15h da praza da Inmaculada sendo guiadas polo historiador tudense Suso Vila. O percorrido, gratuíto, durará aproximadamente unha hora.

Luns 30 Visita guiada aos Sambenitos Inquisitoriais

O luns 30 ás 20.15h sairá a visita guiada aos Sambenitos Inquisitoriais. Estas pezas, únicas en Europa, atópanse no Museo Diocesano e esta será unha das poucas ocasión en que se poden visitar debido as obras que se están acometendo. Estes lenzos, que foron atopados na Catedral, sinalaban aos herexes reconciliados polo Santo Oficio, quedando marcados durante xeracións. Forman parte da riqueza da historia social de Tui e dun patrimonio cultural extraordinario.

Martes 31 Visita Cárceres e Inquisición en Tui

O martes 31 de outubro ás 20.15 h celebrarase a Visita Cárceres e Inquisición en Tui. A cidade histórica de Tui conserva elementos patrimoniais que a vinculan a diferentes momentos da historia. A arquitectura carceraria representada por edificios coma o Cárcere Vello, o cárcere capitular ou o cárcere eclesiástico son só pequenos exemplos das diferentes funcións que se desenvolvían na cidade e que formaban parte da súa paisaxe. A Inquisición tamén será un elemento a ter en conta dende os inquisidores que procedían de Tui, aos comisarios ou os familiares do Santo Oficio, eles formaban parte dunha rede que procuraba eliminar calquera rastro de disidencia relixiosa. A igrexa de San Domingos formaría parte desta paisaxe represora ao ser o lugar de reunión da confraría dos familiares da Inquisición en Tui.

Visitas ao barrio xudeu

Cómpre lembrar que tanto hoxe coma mañá domingo, ás 20.15h saíndo da praza da Inmaculada, realízase a visita guiada ao Barrio Xudeu.