Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Xirriquiteula Teatro presenta “Papirus” o venres no Teatro Municipal

3/10/2006

Xirriquiteula Teatro presenta “Papirus” o venres no Teatro Municipal
É o primeiro dos doce espectáculos do último trimestre do ano

Doce espectáculos conforman a programación cultural de Tui para o último trimestre do ano baixo a organización da Concellería de Cultura. Os espectáculos previstos están recollidos no número 12 da Axenda Cultural Corredoira, ao tempo que se difunden en dúas grandes pancartas na fachada da Área Panorámica, lugar onde terán lugar os distintos eventos.

Clown, música, danza, contacontos e teatro son os xéneros que estarán presentes nesta oferta cultural para os meses de outubro, novembro e decembro.

O primeiro dos espectáculos terá lugar este venres, día 6 de outubro, no Teatro Municipal da Área Panorámica. Dende Badalona chega a compañía Xirriquiteula Teatre para por en escena “Papirus” unha obra de clown xestual que a modo de parábola fala do novo mundo que nos rodea. Amor e sentido do humor son os elementos empregados por Pap e Rus, dous descoñecidos, que xuntos superan os seus medos para construír un mundo de papel. Xirriquiteula Teatro obtivo por esta obra o Premio ao Mellor Espectáculo e Dirección FETEN 2005.

O prezo das entradas é de 3€, 2€ con descontos e 1€ para os menores de 12 anos.

A música estará presente nesta programación do 125 aniversario da Banda de Música Popular de Tui con dous concertos previstos para o mércores 11 e o xoves día 12 de outubro. O relevo musical chegará coas Leilía o 10 de novembro cunha proposta novidosa a medio camiño entre teatro e concerto para celebrar o 15 anos desta agrupación. E por último o 29 de decembro terá lugar o clásico concerto de Fin de Ano a cargo da Banda de Música Popular de Tui e da Coral da S.I. Catedral.

O venres 20 de outubro Nova Galega de Danza representa “Engado” no que, con música en directo, os bailaríns da compañía sumérxense nas nosas raíces musicais.

Ao abeiro desta programación Tui acollerá o venres 27 de outubro o I Fesival Internacional de Contacontos a cargo de Cándido Pazó e Jose Luis Gutiérrez “Guti”.

A estrea teatral deste último trimestre corresponde a Lagarta Lagarta, que cun importante elenco de actores entre os que está Ernestro Chao, representará o 3 de novembro “Carambola (Cóncavo, Convexo)”. Teatro Buratini presentará o 17 de novembro “Tic tac sons dunha nave” e o 24 do mesmo mes o Grupo de Teatro Voluntario do Centro Social estrea “A Lotería”.

En decembro Os Sete Magníficos Máis Un levarán a escena o día 1 “A Cadeira Voadora”, un espectáculo no que mesturan o clown e o circo. Os dous últimos espectáculos teatrais serán o 15 de decembro “Muñekitos, a nasional yeographic riport” de San&San e o 22 de decembro títeres Viravolta representa “Barriga Verde”.

Con esta programación dende a Concellería de Cultura buscou ofrecer ao público espectáculos de calidade e abarcando distintos xéneros, co que mantén a liña programática iniciada hai xa máis de cinco anos ao abeiro do proxecto “Tui Cidade Cultural”. Desta volta o departamento que dirixe Moisés Rodríguez agarda contar de novo co respaldo do público na recta final deste ano 2006.

Xirriquiteula Teatro de Badalona con “Papirus”
Data: Venres 6 de outubro ás 20.30
Lugar: Teatro Municipal
Prezo: 3€ - 2€ - 1€
Venda de localidades na billeteira da Área Panorámica dende ás 16.30h o día do espectáculo.
Organiza: Concellería de Cultural do Concello de Tui