Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Patrimonio Xudeu

A presenza da comunidade xudía e xudeoconversa en Tui deixou unha importante pegada na cidade que en boa parte se conserva ata os nosos días. Tui atesoura así un do patrimonios vinculados á cultura xudía mellor conservados de Galicia, con pezas únicas de gran valor coma son os Sambenitos, a casa de Salomón e a Menorá da Catedral.

No rico patrimonio tudense vinculado á cultura xudía destacan pola súa singularidade os Sambenitos. Cinco pezas que se gardan no Museo Diocesano, e que foron atopados na Catedral, no que se recollen as penas impostas pola Inquisición a catorce veciños de Tui e Baiona.  Son elementos únicos en Europa.

Por outra parte a relación existente entre a comunidade xudía e a cristiá queda testemuñada coa menorá ou candelabro de 7 brazos, que aparece gravada no claustro da Catedral de Tui. A casa de Salomón, na rúa Bispo Castañón, distribuída entorno a un patio central representa un exemplo único da arquitectura xudía.  O patio da sinagoga na rúa Ordóñez, os restos dunha carnicería  na rúa Entrefornos ou a pratería conservada no Museo Catedralicio son outros elementos destacados da comunidade xudía e xudeu conversa en Tui.

O patrimonio vinculado á comunidade xudía está presente na visita guiada gratuíta que se realiza de luns a venres, ás 20h, dende a Praza da Inmaculada.  Pero tamén se pode percorrer a ruta xudía seguindo o folleto turístico sobre este percorrido editado polo Concello ou coa sinalización instalada na cidade histórica que marca precisamente este patrimonio. No caso da ruta xudía parte dende a Praza da Inmaculada, e a través dos códigos QR dispoñibles en cada sinal pódese realizar o percorrido ampliando a información sobre cada elemento.

Tui é un dos municipios que forman parte da Red de Juderías de España

Áreas: 
Turismo