Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Peonalización do conxunto histórico

O 2 de xuño de 2017, púxose en marcha a primeira fase do Plan de Peonalización do conxunto histórico de Tui. Nesta primeira fase a peonalización aplicouse durante as fins de semana, venres, sábados e domingos.

Ao mesmo tempo comezaron a funcionar as Zonas Verdes de estacionamento para os veciños de intramuros con distintitivo R, e das propias Zonas Verdes con distintivo RE. Están situadas nas rúas Bispo Lago, Ordóñez e Martínez Padín dende o cruzamento co Arrabal, e no Paseo Fluvial, e nas mesmas só poderán aparcar os posuidores dos distintivos R e RE.

Peonalización definitiva dende o 1 de xullo de 2017

A zona de intramuros do  conxunto historico de Tui é peonil de forma permanente todos os días da semana dende o 1 de xullo de 2017.  Esta medida marcou un punto de inflexión na conservación, posta en valor e promoción desta zona da cidade declarada Ben de Interese Cultural, e que atesoura un importante valor cultural e patrimonial.  Este espazo recupérase agora novamente para os peóns e coma punto de encontro para os veciños.  Ao tempo a retirada da mesma dos vehículos diminuirá a contaminación ambiental, e reforzará as súa habitabilidade, e as súas posibilidades turísticas e comerciais.

De agora en diante, todos os días, o acceso en vehículos á zona de intramuros limitarase a residentes, propietarios non residentes, establecementos, servizos e permisos especiais, para labores de carga e descarga cun máximo de estacionamento de quince minutos. Amais as zonas verdes – situadas na rúa Ordóñez, Bispo Lago, Cantón de Diomedes, Piñeiro, Martínez Padín dende o cruzamento co Arrabal ata a Avenida de Portugal, e o Paseo Fluvial, serán para aparcamento exclusivo para residentes no conxunto histórico (R) e os residentes nas propias zonas verdes (RE). Dende o Concello de Tui faise un chamamento á cidadanía a respectar as zonas verdes, ao tempo que se advirte que coa entrada en vigor definitiva da peonalización comezaranse a impor as sancións recollidas na Ordenanza Reguladora. No caso de rexistrarse algunha incidencia no acceso por parte dos vehículos autorizados estes poden comunicala á Policía Local no 986 60 36 77.

Coa peonalización definitiva, e contando sempre coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio, estanse a acometer unha serie de melloras no conxunto histórico coma a instalación de mobiliario urbano – papeleiras e bancos – e a retirada de bolardos ou sinais de tráfico existentes en distintas rúas que ao ser peonís deixan de ter unha función.

Ordenanza Peonalización  - Bando entrada en vigor peonalización definitiva

 

Áreas: 
Patrimonio