Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Cidade histórica

O Conxunto Histórico de Tui é o segundo en importancia de Galicia. Tui foi capital dunha das antigas sete provincias do Reino de Galicia, o seu conxunto histórico-artístico é un bo exemplo de urbe medieval cun estado de conservación que o converten nun dos mellores do territorio galego.

As vellas rúas forman unha rede desde as beiras do río Miño  que vai subindo cara a catedral fortaleza, o que lle confire a cidade un singular perfil, recoñecible dende a distancia. A imaxe  da vella ponte internacional que a une con Valença, o río aos pes da cidade e a catedral no alto outeiro, é xa unha icona repetida en milleiros de fotografías espalladas polo mundo e tomadas polos peregrinos que entran a Galicia polo  Camiño Portugués a Santiago.

O Conxunto histórico tudense é un lugar para percorrer con calma, descubrindo pequenas rúas, prazas, casas señoriais, igrexas, conventos, brasóns e unha morea de pequenos detalles das vivendas nas súas fachadas e nas súas ventás e portas. A pouco que nos fixemos descubriremos que por aquí pasaron distintas culturas cada unha delas deixou a súa pegada. Non hai que ter presa para camiñar por o Tui antigo, merece unha vista pausada e atenta, que ben pode comezar ou rematar na catedral, que naturalmente esixe un tempo exclusivo dada a gran cantidade de xoias que se atopan nela. Descubra neste apartado cada un dos atractivos que posúe o conxunto histórico artístico de Tui.