Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Deporte, música e teatro na programación do sábado de San Telmo

6/04/2018

Andaina e Carreira Popular, Copa San Telmo de fúbtol e concentración de clásicos figuran no programa. Tamén remata a X Semana de Teatro Amador, celébrase o IV Encontro de Bandas de Gaitas Cidade de Tui  e a orquestra Kubo presenta o maior escenario de Europa

O deporte abre a programación do sábado, 7 de abril, nas festas de San Telmo en Tui. Medio centenar de persoas participarán dende ás 10h na Andaina Festas de San Telmo que realizará un percorrido urbano de 8 quilómetros. Unha hora máis tarde comezará a Carreira Popular Solidaria de San Telmo na que se inscribiron 600 persoas nas distintas categorías dende veteranos e senior até pitufos. Entre as novidades deste ano está que se recurta a distancia para as categorías superiores que será de 5 quilómetros. O club Atletismo Tui encárgase da organización xunto co Concello nun evento solidario xa que na recollida dos dorsais recolleranse alimentos que serán doados a SOS Tomiño Baixo Miño.  A saída de todas as carreiras será no Paseo da Corredoira onde ás 13h terá lugar a entrega de premios.

O fútbol tamén estará presente coa disputa da Copa San Telmo Eurocidade, entre o Tyde FC e o SC Valenciano, que se celebrará ás 12.30h nas instalacións deportivas Álvarez Durán.

Entre ás 17h e ás 19.30h  no Paseo da Corredoira poderán contemplarse os coches clásicos participantes na III Clásica Manuel Alfaro organizada pola la Escudería Vigo Clásicos.

A charanga Cantos Somos amenizará coa súa música as rúas de Tui de 11 a 14h e de 17 a 21h. Amais ás 19h está previsto o desfile dos xigantes e cabezudos, acompañados polo grupo folclórico San Fins de Rebordáns, dende a  Área Panorámica até a praza da Inmaculada.

Ás 20h o grupo Atalaia do Centro Sociocomuntario de Tui  pecha a X Semana de Teatro Amador coa comedia “Teño un tolo na casa” de Raimundo Francés.  Miguel Ángel Pérez Blanco dirixe ao elenco formado por seis actores e actrices afeccionados que nos achegan en clave de humor as ocorrencias de Amalia, para facer fronte á crise económica que ela e o seu marido, policía xubilado, teñen que facer fronte tras o divorcio da súa filla. As entradas, sen numerar, poranse á venda ás 19.30h ao prezo de 1,5€.

A igrexa de San Domingos acollerá dende ás 22h o IV Encontro de Bandas de Gaitas Cidade de Tui  organizado pola Banda de Gaitas San Xoán de Paramos, que actuará xunto á Banda de Gaitas Cantabria e a Banda de Gaitas As Portelas de Lubián.

A verbena correrá a cargo da orquestra Solara no Paseo da Corredoira, e da Orquestra Kubo na rúa Compostela, presentando por vez primeira o escenario dunha orquestra máis grande de Europa.

Programación Festas de San Telmo – Sábado, 7 de abril

  • 10.00 h No Palco da Música do Paseo da Corredoira, saída da Andaina Festas San Telmo.
  • 11.00-13.30 h Dende Paseo da Corredoira, saída Carreira Popular Solidaria de San Telmo.
  • 11.00-14.00 h Polas rúas de Tui actuación da Charanga “Cantos Somos”.
  • 12.30 h española, Nas instalacións deportivas Álvarez Durán de Tui Copa San Telmo Eurocidade, Tyde FC vs SC Valenciano.
  • 17.00-19.30 h No Paseo da Corredoira, Concentración de coches clásicos “III Clásica Manuel Alfaro”.
  • 17.00-21.00 h Polas rúas de Tui actuación da Charanga “Cantos Somos” .
  • 19.00 h Dende o Edificio Área Panorámica ata a Praza Inmaculada, desfile de Xigantes e Cabezudos, acompañados polo grupo de gaitas San Fins de Rebordáns.
  • 20.00 h No Teatro Municipal X Semana de Teatro Afeccionado San Telmo. O grupo de teatro Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui  estrea “Teño un tolo na casa” – 70 min. Entrada 1,5€.​
  • 21.00-23.00 h No Paseo da Corredoira, verbena coa Orquestra Solara.
  • 22.00 h Na Igrexa de San Domingos IV Encontro de Bandas de Gaitas Cidade de Tui  coa participación da Banda de Gaitas San Xoán de Paramos, a Banda de Gaitas Cantabria e a Banda de Gaitas As Portelas de Lubián. Organiza.  Banda de Gaitas San Xoán de Paramos.
  • 23.00-00.00 h Na rúa Compostela, verbena coa Orquestra Kubo.
  • 00.00-01.00 h No Paseo da Corredoira, verbena coa Orquestra Solara.
  • 01.00-03.00 h Na rúa Compostela, verbena coa Orquestra Kubo.