Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este mércores preséntase o libro “Canto de Emigración” sobre o músico tudense Teódulo R. Paramos

8/05/2023

Será ás 20 h na Biblioteca Municipal dentro da programación Tui en Letras. Participarán os autores Manuel Martínez Castro e Marcos Amado

A Biblioteca Municipal de Tui acollerá este mércores, 10 de maio, ás 20 h, a presentación do libro “Canto de emigración. Historia da música de Teódulo R. Paramos”. Esta actividade forma parte do programa “Tui en Letras” que promove a concellería de Ensino e Cultura do Concello de Tui en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra.

O director artístico da Orquestra Clásica de Vigo, Manuel Martínez Torres, ven de editar recentemente este libro “Canto de emigración. Historia da música de Teódulo R. Paramos” no que participan tamén Pepe Coira, Alejo Amoedo e Marcos Amado “Santiso”. Esta obra de investigación céntrase na música e na figura do tudense Teódulo R. Páramos e os espazos de lecer en Vigo entre 1920 e 1950.

Manuel Martínez Torres rescata neste libro a figura de Teódulo R. Páramos un compositor tudense que se movía entre cafés, teatros, cinemas, cuplés, cabarés e transatlánticos. “Canto de emigración” pon o foco no contexto e nos espazos próximos da cidade de Vigo para tecer unha historia de moitos empregando como fío as pegadas que deixou a vida de Teódulo.

Esta obra pon en valor o traballo destes músicos fundamentais daquela época, elaborando unha biografía e catalogación da obra de Paramos e deixando constancia do seu traballo ao localizar e identificar os materiais existentes. O seu arquivo de partituras amosa o eclecticismo propio da época, na que se combinaban os tangos, os foxtrots, as muiñeiras ou os pasodobres, obras de produción propia mesturadas con pezas que lle enviaban outros artistas ou que mercaba nas súas viaxes en barco. Estes arquivos son unha testemuña do gusto musical dunha época e unha demostración da modernidade da nosa terra nesas décadas.

Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, resulta de gran interese esta publicación pois descubre a obra e a traxectoria dun músico tudense ata agora esquecido e que gracias a esta investigación incorporamos ao noso acervo cultural.