Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Eurocidade Tui-Valença celebra o Nadal cunha programación conxunta

4/12/2014

 

Mércores, 3 de decembro de 2014 . Máis dunha vintena de actividades son as que se van desenvolver na Eurocidade Tui-Valença co gallo das festas de Nadal. Esta programación conxunta vén recollida nun tríptico presentado esta mañá no Concello de Tui no que de xeito práctico e sinxelo que se recolle o calendario de actos a celebrar.

 

A presentación correu a cargo do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, xunto aos concelleiros José Ángel Villaverde de Tui, e José Monte de Valença.

 

O concelleiro José Ángel Villaverde destacaba o feito de que é a primeira vez que se recolle nunha axenda a programación de Nadal da Eurocidade. O vereador José Monte destacou a ampla e variada oferta que se presenta nun programa no que colaboran distintas entidades.

 

O presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, destacaba o feito de que é a primeira vez que dúas cidade de dous países presentan unha programación conxunta na época de Nadal.

 

Por último o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientou a importancia de continuar no camiño de colaboración iniciado polas dúas cidades cunhas actividades que favorecerán o consumo e embelecerán se cabe máis os dous municipios.

 

Co logotipo da Eurocidade coas cores de Portugal ou de Galicia sinálase o lugar onde se van celebrar as actividades previstas.  Entre a oferta da Eurocidade para estas festas do Nadal están por unha banda a visita ás exposición vinculadas a estas datas. Así en Tui poderemos visitar a exposición de beléns na Catedral de Tui  establecéndose amais un roteiro polos nacemento neste e noutros tempos da cidade. Xa en Valença as mostras céntranse no "Ciclo litúrxico do Nadal", unha mostra colectiva de beléns e outra de beléns artesanais e outros ocuparán as rúas, xunto outra de escultura en troncos.

 

Este próximo sábado, 6 de decembro, terá lugar o acendido do alumeado de Nadal nas dúas cidades. E esta fin de semana abrirá na Praça da República de Valença a "Quinta do Pai Natal". Non faltarán as citas gastronómicas cun obradoiro de cociña saudable ou unha feira de doces e licores en terras valencianas. A música terá protagonismo destacado con concertos de Nadal da Asociación Cultural de Verdoejo, do Conservatorio e da Escola de Música, así coma da Coral da S.I. Catedral ou do Coro Polifónico de Verdoejo. Amais o Concerto de Fin de Ano celebrarase no Teatro Municipal de Tui o venres 26 ás 21h a cargo da Coral da S.I. Catedral e da Banda de Música Popular de Tui.

Outras citas neste Nadal na Eurocidade serán coas recreacións dos beléns en Valença, co III Mercado de Nadal na Praza de San Fernando en Tui o 21  decembro,  ou coa visita guiada á iconografía do Nadal nos monumentos tudenses. 

 

A programación culminará o 5 de xaneiro coa Cabalgata Internacional de Reis que sairá ás 17h de Valença e rematará dúas horas despois no Paseo da Corredoira en Tui.