Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

As Festas de San Telmo viaxarán por toda España nun Cupón da Once

5/04/2024

Está xa á venda dende hoxe. O sorteo será o próximo xoves 11 de abril

Unha imaxe da Catedral e de San Telmo ilustran o Cupón da ONCE dedicado ás Festas de San Telmo en Tui que hoxe foi presentado na casa do concello polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, e o director da ONCE en Vigo, Roberto Gaspar Conde. Os cinco millóns de cupóns, que están dende hoxe á venda en toda España, corresponden ao sorteo do próximo xoves 11 de abril.  

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou o agradecemento porque “por primeira vez un cupón da ONCE estea dedicado a San Telmo” engadía que “é un cupón que dentro da súa fotografía recolle a icona do noso patrimonio coma é o conxunto catedralicio”. Esta é dicía “unha magnífica oportunidade para difundir o noso patrimonio. Por iso dende este punto de vista  a ONCE mestura o seu labor social coa  difusión e posta en valor do patrimonio do noso país, e neste caso da cidade de Tui”.

O delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, salientou coma para a ONCE é unha honra “poder contribuír á difusión do noso patrimonio común e neste caso facémolo con Tui, e coas súas festas patronais”. Indicaba “nós tratamos coa nosa mellor tarxeta de presentación, que é o noso cupón, que leva máis de 85 anos estando presente en todas as prazas e pobo deste país,  establecer un lazo de unión entre o cupón e o patrimonio. Son cinco millóns de cupóns os que se poñen á venda para o sorteo do próximo día 11”. Mentres director da ONCE en Vigo, Roberto Gaspar Conde, confirmou coma o cupón editado especialmente con “esta imaxe irrepetible é única” dedicado ás festas de San Telmo está xa á venda dende hoxe.