Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A fiscalía arquivou a denuncia presentada por ACESA sobre a concesión de licenza para o novo centro de saúde de Tui ao considerar que os feitos non revisten delito

27/04/2015

A Fiscalía provincial de Pontevedra decidiu o arquivo das dilixencias tras a denuncia presentada por ACESA, Alternativa ao Centro de Saúde, de Tui contra o Xunta de Goberno Local de Tui pola concesión, en sesión do 27 de outubro de 2014, da licenza municipal para a construción do novo centro de saúde de Tui, ao non acreditarse que os feitos denunciados revistan caracteres de delito.

A plataforma denunciante consideraba que a licenza concedida é “ilícita e está viciada de anulabilidade” baseándose na discrepancia entre dous informes de técnicos municipais.  A fiscal delegada de Medio Ambiente e Urbanismo da Fiscalía de Pontevedra sinala que a cuestión de fondo determinante para se houbo delito é a discrepancia entre o informe técnico e o xurídico emitido por arquitecto e técnica de administración xeral de Tui. O informe técnico é favorable ao apuntar que o proxecto para o que se solicitou a licenza se axusta ao planeamento, mentres que o informe xurídico considera que non se axusta ao planeamento.

 

A fiscal afirma que é innegable a discrepancia entre os informes técnico e xurídico municipais, engadindo que a discrepancia é xurídica limitándose a unha cuestión de interpretación da norma urbanística.  Sinala que “non hai indicio algún de que ningún dos intervenientes, quixeran co seu informe e resolución un resultado contrario a Dereito, nin moito menos de que algún deles, singularmente o arquitecto municipal, o alcalde e membros da Xunta de Goberno Local obtiveran ou pretenderan obter algún tipo de beneficio contrario a dereito”.  Por todo iso a fiscal dispón o arquivo das dilixencias ao non acreditarse que os feitos denunciados revistan caracteres de delito.

Nunha nova oportunidade queda acreditada a legalidade da actuación municipal e o carácter conxuntural e político desta denuncia e a serodia protesta pola ubicación do centro de saúde logo de tantos anos dende a súa aprobación polo pleno do concello.