Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

IKFEM 2023 brindará doce concertos na Eurocidade Tui-Valença

6/07/2023

Celebrarase do 20 ao 25 de xullo

Doce concertos na Eurocidade Tui-Valença son os que brindará o IKFEM 2023, un festival que foi presentado esta mañá en Santiago. Na rolda de prensa participaron a directora do Festival, Andrea González, os alcaldes de Tui e Valença, Enrique Cabaleiro e José Manuel Carpinteira, o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e Alfonso Louro, xerente da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal.

A primeira cita o xoves 20 na rúa Olímpicos Tudenses será Un piano flotante, acompañado dun violoncelo nun concerto/experiencia visual e sonora que navega entre a mini opera pop e a traxedia antiga. A obra titúlase “Dous sistemas solares”, creada pola artista Delphine Coutant. 

Así o festival brindará unha maridaxe de músicas de España, Portugal, Cabo Verde, Cuba e cunha mirada especial á lusofonía como lingua de converxencia de culturas.

Nomes propios de traxectoria como Vitorino Almeida, Katia Guerreiro ou Cremilda Medina compartirán escenarios, como a Fortaleza de Valença ou a Catedral de Tui, e alternaranse con voces máis emerxentes como Antía Muiño, recentemente galardoada polos Premios Martín Codax, ou coas innovadoras propostas musicais de Néboa, un mix de música tradicional galega e pop alternativo, un pop-folk con toques de electrónica. Amais o artista Abraham Martínez ofrecerá un concerto no órgano barroco da Catedral de Tui. Tamén na catedral e no Convento de Ganfei, en Valença, o organista Abraham Martínez, fundador da Fundación Alqvimia Misicae e a artista visual Beatriz Rivas, acompañados doutros músicos na percusión, saxo, órgano e voz, todos eles crearán,  por primeira vez, experiencias únicas de música e artes visuais. Mentres na igrexa de San Domingos, o artista Daniel Pereira ofrecerá un concerto monográfico de Beethoven, coas súas catro míticas sonatas.

En liña coa súa diversidade, o IKFEM programará tamén o son e os ritmos caribeños, que chegarán da man de Pilar & Arabel Moraguez, cun concerto de canción cubana e a estrea dunha composición do artista caribeño Leo Brower.

Outra das novidades desta edición é o Encontro Geraçoes que reunirá a dúas xeracións e tres historias unidas pola música entre Galicia, Portugal e Brasil. Os máis pequenos tamén terán a súa propia oferta musical co espectáculo Elektrofadas. O Día de Galicia, o 25 de xullo a Banda de Gaitas Arume de Malvas ofrecerá un concerto de música tradicional galega.

Os encontros cos artistas e as masterclases terán lugar no Espazo Xove, nesta ocasión serán cinco ´balcóns IKFEM´, punto de encontro e diálogo sobre o emprendemento artístico, dedicado fundamentalmente aos artistas nóbeles.

Convocatoria IKFEM CREATIVA

Entre as novidades desta edición está a posta en marcha de IKFEM Creativa, un espazo vivo onde promocionar de maneira colaborativa o talento local galego e portugués: música, gastronomía, danza, moda, pintura, literatura, teatro, entre outras disciplinas.  Este programa conta co financiamento da Axencia de Turismo de Galicia. Ademais dentro desta iniciativa se integra o Espazo Euroregional Creativo, financiado pola Interreg, a través da AECT de Galicia. Os interesados en participar poden desde xa inscribirense na páxina web do festival (www.ikfem.com).

A convocatoria está aberta ata o luns 10 de xullo, tanto para creativos galegos como portugueses. De entre todos os rexistrados a organización realizará unha selección dos mellores creadores e seranlles asignados espazos de venda, exposición e demostración en vivo, poñendo todos os medios necesarios para cada actividade.