Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Lydia Botana presenta este venres no Teatro Municipal “De aquí para alá”

22/10/2014

 

Mércores, 22 de outubro de 2014. O Teatro Municipal de Tui acollerá este venres, 24 de outubro, ás 20h o espectáculo "De aquí para alá" da man de Lydia Botana. Trátase dun concerto didáctico recomendado para todos os públicos a partir de 1 ano.

 

Lydia Botana, natural de Culleredo, está titulada  en Pedagoxía da Linguaxe e a Educación Musical polo Conservatorio Superior de Música da Coruña. É músico multinstrumentista e ten formado parte de diversas agrupacións. Paralelamente, exerce coma profesora de música e produce o concerto didáctico para público infantil chamado De aquí para alá! que achega as músicas do mundo aos máis pequenos e pequenas a través das aventuras dunha bolboreta moi musical.

 

De aquí para alá! é un proxecto de música infantil no que se realiza unha viaxe ao redor do mundo aprendendo, escoitando e cantando as músicas de cada lugar facendo partícipe ao público. Trátase dunha proposta musical para público infantil e xuvenil que consta dunha posta en escena musical formada por unha instrumentación variada: dende o piano, a marimba, a batería, o acordeón, os bongoes, campás, ... así coma instrumentos típicos de cada lugar polo que vai pasando o espectáculo coma a kalimba, o didgeridoo, as cunchas... xunto con un variado set de pequena percusión que abrangue dende pandeiretas, pao de choiva... e un sinfín de cacharradas que espertarán a curiosidade dos asistentes a este concerto.

 

A través da música contase a historia dunha bolboreta que remata a súa metamorfose co son dos instrumentos musicais. Embárcase así nunha viaxe por países coma Brasil, Cuba, Xamaica, os Balcáns, Estados Unidos,... rematando en Galicia.

 

Lydia Botana estará acompañada sobre o escenario por Rubén Montes, María Isabel Diego, Erica González e Miguez Cazenave.

 

As entradas para este espectáculo están á venda en http://www.culturatui.info/ ata o venres ás 13h, ou poderanse mercar o venres dende ás 18.30h no despacho de billetes da Área Panorámica ao prezo de 3,5€ e 2,5€.