Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Nos próximos días sairá a licitación a construción dunha nova ponte sobre o regato Cotarel

7/12/2023

O novo paso elevado permitirá recuperar o trazado orixinal do leito fluvial e a súa contorna

O Concello de Tui sacará a licitación nos próximos días a obra de construción dunha nova ponte sobre o río Cotarel na estrada que une as parroquias de Randufe e Pazos de Reis. A obra está financiada nun 75% polo Concello de Tui en un 25% pola Deputación de Pontevedra. 

Con esta nova infraestrutura solucionarase o problema de comunicación na zona xa que a estrada está corta dende hai meses debido ao afundimento da estrada neste punto. 

No proxecto a executar contémplase o desmontado da tubaxe metálica existente, e a execución dun novo paso elevado cun taboleiro de vigas prefabricadas sobre estribos en ambas marxes. Deste xeito recuperarase a circulación nestas estrada local e se garantirá o caudal de desaugadoiro de avenida no regato Cotarel. A actuación proxectada permitirá tamén recuperar o trazado orixinal do leito fluvial e a súa contorna. 

Esta estrada leva meses cortada debido á gran focha xerada coma consecuencia do lavado do recheo que socavou o terreo.  No seu momento instalouse un tubo metálico de sección circular e 1800 mm de diámetro, con embocadura e aletas de formigón. A limitada sección da tubaxe e a oxidación da mesma, co paso do tempo, sumado aos episodios de choivas intensas e concentradas en pouco tempo, provocou a rotura da parte inferior, o que conlevou que parte do caudal se filtrase por fóra da sección do tubo, provocando o lavado do recheo do terraplén e o afundimento da estrada neste punto. 

A nova solución proposta, que se vai executar tras a adxudicación da obra, permitirá así recuperar a circulación nunha zona transitada tanto pola veciñanza de Pazos de Reis e Randufe, coma por visitantes que se achegan á senda do río Tripes, xa que neste lugar está situado un dos puntos de inicio do percorrido.