Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Nove colexios de Tui van participar nun proxecto para concienciar ao alumnado no respecto aos animais

15/09/2014

 

Luns, 15 de setembro de 2014. Concienciar ao alumnado sobre o respecto aos animais é o obxectivo do curso-taller "Convivindo cos animais" que a Rede  para o benestar animal "La Libélula" vai levar a cabo nos oito colexios públicos de Tui e no colexio Maristas.

 

Esta iniciativa comezará a impartirse o próximo luns 22 no CEIP de Rebordáns, e logo percorrerá o resto dos centros educativos tudenses neste mes de setembro e no de outubro. Así o explicaron esta mañá na presentación desta actividade Patricia Azebes e Rita Sánchez de "La Libélula" acompañados polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e pola concelleira de Educación, Vanesa Rodríguez, nun acto ao que acudiron tamén os directores ou representantes dos centros que participan no proxecto.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientou que se trata dunha iniciativa pioneira, agradecendo á Rede "La Libélula" a oportunidade de realizala en todos os colexios tudenses, ao tempo que salientou o "importantísimo traballo" que se realiza nestes centros. O rexedor comprometeuse amais a neste inicio de curso a visitar todos os colexios de Tui.

 

A concelleira de Educación, Vanesa Rodríguez,  explicou que se trata dun ambicioso proxecto froito da colaboración entre o Concello de Tui e a rede "La Libélula" considerando moi axeitado iniciar esta labor de concienciación sobre o respecto aos animais xa dende os colexios.

 

Patricia Acebes de "La Libélula" explicou que o obxectivo de "Convivindo cos animais" é "espertar nos nenos a empatía cos animais" para o que impartirán unha charla aos escolares na que tamén proxectarán fotografías e vídeos cos que trasladarlles os sentimentos dos animais, e que logo eles poidan facer extensivos aos seus animais domésticos. 

 

Rita Sánchez de "La Libélula" informou que este proxecto contará tamén cun blog no que tanto os titores coma os pais poderán atopar actividades coas que seguir traballando sobre a empatía animal. O obxectivo é tamén a finais de curso realizar unha actividade conxunta entre todos os centros educativos participantes.