Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Colexio Rural Agrupado de Tui Mestra Clara Torres edita, por terceiro ano consecutivo, un calendario escolar

5/02/2015

 

Mércores, 4 de febreiro de 2015. O Colexio Rural Agrupado Mestra Clara Torres vén de editar por terceiro ano consecutivo, coa colaboración do Concello de Tui, da Deputación de Pontevedra e da Eurocidade Tui-Valença, un calendario escolar con propostas de aprendizaxes competenciais ao longo de todo o ano. Unha das novidades con respecto a edicións anteriores é a inclusión de propostas por parte dos departamentos de inglés e música.  A presentación tivo lugar hoxe na aula do CRA  no Souto, en Guillarei, coa presenza do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de Educación, Vanesa Rodríguez, a concelleira de Servizos Sociais, Olga Montes, a vereadora de Educaçao de Valença, Elisabete Domingues, e a directora do CRA, Teresa Domínguez.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, felicitou ao CRA polo traballo realizado para a edición deste calendario salientaba a importancia das actividades propostas aos escolares e as súas familias, e agradecendo o labor realizado polo profesorado.

 

Este calendario forma parte das iniciativas conxuntas nas que traballa a Eurocidade no ámbito da educación.  Nese senso a a vereadora de Educaçao de Valença, Elisabete Domingues destacaba que isto o inicio dun traballo no que participan tamén as profesoras do Agrupamento Murallas do Minho de Valença, e que programará máis actividades ao longo deste curso.

 

A directora do CRA Teresa Domínguez explicaba que o calendario fai unha serie de suxestións diarias de aprendizaxes para a vida dende tarefas domésticas, a xogos, libros de lectura ou actividades.

 

O calendario, que foi impreso pola Deputación de Pontevedra na imprenta provincial,  será distribuído entre os 116 alumnos do CRA e tamén entre os máis de 300 das escolas do Agrupamento Murallas do Minho de Valença, con quen este ano dende o Colexio Rural comezaron a facer un proxecto de intercambio.