Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O equipo de Goberno afirma que NON ten intención de pechar o Conservatorio de Música

3/12/2014

 

Martes, 2 de decembro de 2014. O Concello de Tui non plantexa pechar o Conservatorio de Música Profesional de Grao Medio da cidade. Deste xeito dende o equipo de goberno do Partido Popular queren saír ao paso das afirmacións realizadas polo Partido Socialista aludindo a "rumores xurdidos do posible peche" deste centro de estudos musicais.

 

Dende o equipo de goberno explican que non teñen a intención de pechar este centro educativo municipal e avanzan que hoxe mesmo se iniciou o proceso para cubrir as baixas por maternidade de tres profesoras do Conservatorio que se van producir nas próximas semanas.  Engaden que a convocatoria destas prazas débese facer de xeito individual xa que cada unha delas corresponde a unha especialidade, e non se poden convocar de xeito conxunto as tres por este motivo.

 

Con respecto á moción presentada o pasado xoves en pleno polo Partido Socialista propondo a creación dunha bolsa de emprego para o Conservatorio tudense, dende o grupo do Partido Popular lembran que votaron a favor sete dos oito concelleiros populares, absténdose un dos edís.

 

Dende o equipo de goberno de Tui afirman que seguen a apostar por unha educación pública coma teñen feito ao longo dos últimos anos, non só co apoio ao Conservatorio e a Escola de Música, senón tamén coa implantación en Tui dunha sección da Escola Oficial de Idiomas, e dun aula da Universidade de Educación a Distancia.