Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Teatro Municipal de Tui pecha o 2014 con 20 mil usuarios

29/12/2014

Luns, 29 de decembro de 2014. O Teatro Municipal de Tui pechou o pasado venres, co Concerto de Fin de Ano, a súa programación de 2014 da que disfrutaron 20 mil  usuarios.  Foron un total de 74 as actividades desenvolvidas ao longo dos últimos doce meses das que 19 corresponderon á programación oficial.

 

Actividades escolares dos colexios tudenses, os concertos do Conservatorio e da Escola de Música, cinema dentro da programación de "Cinema nas aulas" do Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Tui, ou representacións do Centro Dramático Galego para o alumando dos CEIP's e IES da cidade foron parte das actividades desenvolvidas neste espazo escénico  no eido da educación.

 

O Teatro Municipal de Tui acolleu amais durante as Festas patronais de San Telmo actividades coma a lectura do pregón e coroación das raíñas, o festival folclórico, ou a semana do teatro afeccionado, así coma un concerto da Banda de Guerra da Escola Naval Militar de Marín.  O X Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, organizado pola Asociación Cultural Enfoques, parte dos concertos do Festival Internacional de Tecla da Eurocidade, IKFEM, que leva a cabo Xuventudes Musicais de Tui, o acto institucional conmemorativo do bicentenario de Frei Rosendo Salvado, a Gala do Deporte Tudense, o Certame Provincial de Bandas de Música, o concerto de Amancio Prada ou Gala do Norte de Portugal foron, entre outras, parte das citas que se celebraron neste espazo.

 

No que se refire á programación oficial, organizada directamente polo Concello de Tui coa colaboración da AGADIC, contou con 4.536 espectadores nas 19 funcións celebradas de música, teatro, danza, monólogos, monicreques, cinema... o que da unha media de 252 espectadores por función.  A web www.culturatui.info recolle ao longo do ano toda esta programación sendo amais o punto de venda on-line das entradas para as funcións, un medio polo que apostaron o 38% dos espectadores do teatro tudense.

 

Pero compre salientar tamén que o Teatro Municipal de Tui viu recoñecida a súa labor de promoción e aposta polas artes co galardón "Institucións Culturais" outorgado pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega AELG.

 

Dende a súa apertura hai 11 anos o Teatro Municipal de Tui acolleu xa máis de 245 mil usuarios nos 720 días en que abriu as súas portas. Esta cifra agárdase que se incremente ata os 250 mil usuarios en 2015 cando se cumprirán 12 anos da súa posta en marcha. Dende o Concello de Tui quérese amosar o seu agradecemento ao público que dende o primeiro momento ten respaldo coa súa presenza a programación desenvolvida neste espazo. A mediados do mes de febreiro daranse  a coñecer a 25º programación deste espazo da que se están ultimando todas as actividades previstas.