Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Raquel Queizás presenta mañá mércores na Biblioteca Municipal o contacontos “O Eco das Pedras”

2/05/2023

Será ás 18 h dentro da programación de “Tui en Letras”

A Biblioteca Municipal de Tui acolle mañá mércores, 3 de maio, ás 18 h unha actividade de contacontos a cargo de Raquel Queizás co seu espectáculo “O eco das pedras”. Esta actividade combina narración oral con manipulación de obxectos, monicreques e proxeccións. Está dirixida a público familiar e a nenas e nenos a partir de cinco anos.

Raquel Queizás explicaba coma os contos forman parte da súa vida tanto persoal coma profesional, quizais polos contos que lle contaba a súa avoa, ou porque a nena que leva dentro segue a soñar con ese mundo de fantasía. Dende hai vinte anos está inmersa no mundo dos contos e do teatro.

O espectáculo que mañá presenta na biblioteca tudenses “O eco das pedras· trata das lendas que nos fan pobo, das pedras que en Galicia están vivas, que agochan tesouros, nas que viven as mouras encantadas, as serpes grandes, os mouros, os trasnos, os xigantes… Tamén das pedras sobre as que descubrimos misteriosos petróglifos, que semellan mensaxes secretas que temos aínda que descrifrar. As pedras falan, só hai que pararse a escoitalas para poder viaxar ao outro lado, ao alén.

A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, lembra que esta actividade forma parte do amplo programa denominado “Tui en letras” que dende abril e até xuño ofrece catorce actividades de dinamización cultural e de promoción da lingua galega na nosa cidade, e que conta co apoio da Deputación Provincial de Pontevedra.