Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Titzina Teatro de Barcelona presenta este venres “Distancia siete minutos”

30/10/2014

 

A representación comezará ás 21.30h no Teatro Municipal de Tui

 

Mércores, 29 de outubro de 2014. "Distancia siete minutos" é o título da obra teatral que a compañía barcelonesa Titzina Teatro vai representar este venres, ás 21.30h, no Teatro Municipal de Tui.

 

Diego Lorca e Pako Merino son os responsables desta compañía que conta cunha traxectoria de 14 anos na escena española. "Distancia siete minutos" é o cuarto espectáculo que levan a cabo tras realizar unha ampla investigación para crear a obra partindo do tema da felicidade. O seu paso por xornadas sobre a felicidade, visitas ao cárcere ou aos xulgados e conversas con expertos coma psicólogos deron lugar a un texto traxicómico que ten colleitado xa os aplausos do público nas numerosas representacións que teñen realizado do mesmo.

 

Nunha escenografía moi cinematográfica aparecen Félix, un xoven xuíz e o seu pai.  Ambos volven convivir temporalmente baixo o mesmo teito ao sufrir Félix unha praga de termitas na súa casa.  Nese reencontro saen a relucir vellos problemas ou roces do pasado, preguntas sobre o destino, a xustiza ou a felicidade. Todo este proceso coincide no tempo co envío e aterraxe en Marte do robot especial Curiosity. A obra ten unha duración aproximada de 90 minutos.

 

Dende a súa creación Titzina Teatro tense consolidado coma unha compañía de teatro de creación cun marco estilo propio do que se poderá disfrutar este venres en Tui.

 

As entradas para este espectáculo están á venda en http://www.culturatui.info/ ata o venres ás 13h, ou poderanse mercar o venres dende ás 20h no despacho de billetes da Área Panorámica ao prezo de 7€ e 5€.