Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acolle esta semana o Seminario Internacional iDecide coa participación de mozos galegos, portugueses e italianos

10/09/2014

Martes, 9 de setembro de 2014. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, acompañado polo concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, e polo vereador de Desporto de Valença, José Monte, recibiron esta mañá na Aula CeMIT, no primeiro andar da Área Panorámica, aos 25 mozos de Galicia, Portugal e Italia participantes do programa iDecide que esta semana estarán en Tui celebrando un seminario internacional.

O proxecto iDecide está promovido pola Asociación make it Better en consorcio con Ligarte de Portugal, Pronexus e Municipalidad de Reggio Calabria (Italia) e Ecos do Sur e o Concello de Tui.  O seu obxectivo é contribuír ao desenvolvemento dunha situación favorable que fomente a participación dos grupos máis novos na construción dunha Europa máis cohesionada e inclusiva, tal e coma explicou na recepción José Nunes, un dos coordinador do proxecto.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, quixo dar persoalmente a benvida oficial a estes mozos á Eurocidade Tui-Valença, ao tempo que salientou a importancia do proxecto no que están a participar. Tamén aproveitou para animar á mocidade a "meterse en política e cambiar as cousas" involucrándose así tamén na sociedade.

O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, explicoulles o proceso de xestación da Eurocidade e os proxectos comúns que se están a desenvolver entre as dúas cidades, facendo amais fincapé no equipamento que comparten. Afirmou amais o edil que a Eurocidade é "un modelo de cooperación transfronteiriza".

O vereador de Desporto de Valença, Jose Monte, afirmou que a Eurocidade "é unha nova realidade que é a unión de esforzos dos dous municipios" sinalando que se suman potencialidades e sinerxías máis aló das fronteiras.

No acto os mozos do proxecto iDecide poideron coñecer máis da Eurocidade ao través de dous vídeos un deles con fotografías dos dous municipios e outro sobre a actividade deportiva que se desenvolve.

Ao longo da xornada, ata este sábado, realizarán distintos obradoiros sobre "Fronteiras Europeas" ou "Dinamización social da zona", así coma visitas a empresas e cooperativas, así coma visitas a zonas de interese tanto de Tui coma de Valença.