Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acolle mañá o Mercado da Verdura que cumpre o seu primeiro ano de vida

24/04/2015

O cárcere vello na rúa Sanz, no Conxunto Histórico de Tui acollerá mañá sábado unha nova edición do Mercado da Verdura, que cumpre o seu primeiro ano de vida. O mercado estará aberto en horario de 10 a 2 da tarde e nel poderanse adquirir artigos ecolóxicos da horta a cargo de produtores da zona integrados na Asociación de Produtores Ecolóxicos Galegos, APEGA.

A iniciativa parte do Concello de Tui, do Foro Tude e da APEGA, co obxectivo de dinamizar esta zona da cidade e ao tempo de establecer un punto de venda para este xénero o segundo e o cuarto sábado de cada mes.

Deste xeito, os asistentes ao Mercado poderán visitar elementos da zona monumental tudense que de forma cotiá non son accesibles, como é o emblemático patio do cárcere, que forma parte do Conxunto Histórico da cidade.  

O mercado ofrece ademais unha boa oportunidade para coñecer os produtos ecolóxicos da zona, aos produtores locais e crear confianza cos clientes. No Mercado da Verdura poderanse atopar produtos da horta coma repolos, tirabeques, fabas, chícharos, acelgas ou leitugas, mais tamén se incorpora a venda de queixos ou viños ecolóxicos.