Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui celebra con visitas guiadas, unha exposición e un concerto as Xornadas Europeas da Cultura Xudía centradas entre ano na muller

12/09/2014

 

Xoves, 11 de setembro de 2014. Tui súmase un ano máis ás Xornadas Europeas da Cultura Xudía que neste 2014 se celebran baixo o lema "Muller e xudaísmo".  O programa de actividades desenvolverase dende mañá venres e ata o domingo coma un xeito de pór en valor e dar a coñecer o patrimonio vinculado á cultura xudía que atesoura a cidade. Así o expuxo esta mañá na presentación desta actividade o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, acompañado pola concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, polo historiador Suso Vila, e polo artista Juan Carlos Vázquez.

 

Moisés Rodríguez salientou a importancia desta xornadas para dar a coñecer os elementos do patrimonio local vinculados á cultura xudía, sinalando que ao longo do ano son numerosos os visitantes que se achegan ata a cidade para coñecer precisamente a pegada deixada pola importante comunidade xudía que houbo en Tui.  Avanzou tamén o rexedor que continúan os tramites para que a cidade pase a formar parte da Rede de Xuderías españolas, sinalando nese senso que o pasado mes de agosto a secretaria desta asociación estivo en Tui.  O alcalde aproveito para convidar tanto aos tudenses coma aos visitantes a participar nas actividades previstas.

 

A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, explicou que o programa de actividades comezará mañá venres ás 19h na Sala de Exposicións Municipal coa inauguración da exposición "Pasos de Arena" de Juan Carlos Vázquez seguida dun pequeno concerto. Ás 21.30h sairá da Porta da Pía unha visita guiada nocturna polos vestixios xudeus da cidade. Mentres tanto o sábado coma o domingo ás 12h están programadas dúas novas visitas guiadas. A do sábado será aos Sambenitos que se conservan no Museo Diocesano e ás testemuñas xudías na Catedral de Tui. Mentres o domingo a ruta partirá da praza do Concello para realizar un percorrido que rematará no barrio de Riomuíños.

 

O historiador tudense, Suso Vila, que será o responsable de conducir as tres visitas programadas, saliento que o percorrido terá algúns cambios con respecto ao realizados en anos anteriores e nos mesmo se ofrecerá un achegamento ao legado da comunidade xudía e conversa que atesoura Tui. Avanzou tamén que o traxecto da visita nocturna do venres poderá ser marcado no futuro coma roteiro xudeu. Afirmou amais que "Tui é un dos lugares principais de presenza xudía e inquisicional en Galicia".

 

Juan Carlos Vázquez explicou que na súa exposición "Pasos de Arena" achega pinturas e baixo relieves que parten do periódico histórico comprendido entre 1492 e 1497, enfocando a súa obra no cotiá dende o punto de vista feminino. Poderá visitarse ata o 26 de setembro de luns a sábado. Juan Carlos Vázquez tamén será o responsable do miniconcerto previsto, no que xunto á soprano  Indra Sesti di Luc, interpretará catro poemas para os que el compuxo a música. Comezará con "Pasos de Arena" de Margalit Matitiahu, poema do que toma  nome a exposición que presenta, e "Pasos de otros siecolos" da mesma autora, os dous escritos en lingua xudeo-española.  En castelán intepretará "El lumbroso" de Schulamith Halevy, e por último rematará en galego con "Follas de cantiga" de Uxío Novoneyra.

  Programa XV Xornada Europea da Cultura Xudia