Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui conmemora o Día da Biblioteca cun contacontos

24/10/2014

 

Xoves, 23 de outubro de 2014. A Biblioteca Pública Municipal de Tui acolle mañá venres, 24 de outubro, un espectáculo de contacontos a cargo de Olga Abad titulado "O Soño do Rato". A entrada é libre.

 

"O Soño do Rato" é un contacontos que mestura narración  oral con sombras chinesas e monicreques. Esta mestura  de técnicas  fai que  o contacontos sexa  dinámico  e entretido, axuda a manter a atención na historia contada e ten un efecto sorpresa no espectador. No mesmo relátanse as aventuras dun ratiño chamado Cesar que terá que loitar contra os medos para conseguir o seu máis grande soño. Cesar vive moi preto da estación de tren e desexa dende moi pequeno facer unha gran viaxe neste medio de transporte. Cesar coñecerá o valor e o amor no seu camiño, estas aprendizaxes axudarano a ter confianza e conseguir así os seus soños.

 

Este espectáculo celébrase para conmemorar o Día da Biblioteca co que dende 1997 se rende homenaxe e recoñecemento ao labor que desempeñan os bibliotecarios. É unha iniciativa da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil a que se suma un ano o Concello de Tui coa programación desta actividade.