Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui incentiva as compras de Nadal no comercio e no mercado local

4/12/2023

Desenvolve unha campaña de comunicación dixital financiada polo Ministerio de Economía, Comercio e Empresa  con Fondos Next Generation

Impulsar as compras de proximidade no comercio e no mercado local durante o Nadal é o obxectivo da campaña promocional posta en marcha polo Concello de Tui. Na mesma cos lemas “O que queres para a túa mesa de Nadal está en Tui” e “Os agasallos que queres están en Tui” dáse o  protagonismo aos principais valores da oferta tudense como son a calidade do produto, a proximidade e a confianza de comerciantes e produtores.  Así esta campaña de marketing dixital, con forte presenza nas redes sociais, está activa dende hoxe ata xaneiro coa finalidade de animar a realizar as compras de Nadal no comercio local.  

Ademais das creatividades gráficas publicarase un vídeo promocional do Mercado e comercio local tudense coa finalidade de fomentar a compra dos produtos típicos do Nadal e os agasallos destas datas na localidade.

A campaña irá acompañada doutras accións de dinamización local que se desenvolverán durante todo o mes.

O alcalde Enrique Cabaleiro destaca a vantaxe de mercar en Tui onde “é posible atopar unha ampla variedade de produtos de alta calidade para estas festas así como múltiples opcións para agasallar aos nosos seres queridos. Animamos ademais a que toda a comarca se achegue a noso comercio onde atopará unha oferta diferenciadora”.

Esta campaña enmárcase no proxecto denominado “Reforma y modernización del mercado municipal y digitalización y revitalización del comercio local de Tui” con importe de 1.338.844,00 euros,  que foi beneficiaria de fondos Next Generation a través do Ministerio  de Economía, Comercio e Empresa e que comprende ademais da propia transformación do edificio municipal accións de formación e sensibilización e accións de marketing dixital.  

Esta campaña de Nadal é a primeira das catro que se van desenvolver  dentro deste proxecto para incentivar as compras no comercio local e pór en valor o produto da Praza de Abastos.  Estas accións difundiranse a través da conta municipal de promoción do comercio local QueroTui e das redes sociais do concello así como publicidade social-media  para estimular as vendas e amosar a variada oferta e calidade do comercio local.