Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui prepárase para celebrar dez días de festa na honra a San Telmo

24/03/2018

Do 31 de marzo ao 9 de abril a cidade acollerá actividades infantís, culturais, musicais, gastronómicas, deportivas...

Nunha semana, o sábado 31 de marzo, comezan oficialmente as festas na honra a San Pedro González Telmo que se van celebrar en Tui até o luns 9 de abril. O programa de festexos foi presentado esta mañá polo alcalde, Carlos Vázquez Padín, xunto a todo o equipo de goberno, Antonio Castro, Estrella Carmen Muradas, Yovana Velázquez, Mila González, Andrés Urseira e Mª Jesús Silva.

As festas, segundo explicou o alcalde, Carlos Vázquez Padín, terán un carácter máis rueiro buscando aproveitar os lugares que ten a cidade para acoller distintos actos. Coma exemplo citou que a lectura do pregón, que marca o inicio oficial das festas, terá lugar este ano na praza de San Fernando, onde o mestre Antón Corral será o pregoeiro, e actuará a Banda de Gaitas Xarabal, que creou e dirixiu.  Os xigantes e cabezudos desfilarán na primeira xornada festiva xunto ao grupo de gaitas O Mosteiro de Pexegueiro, e será acendido o alumeado das festas.

Salientou tamén Carlos  Vázquez Padín, que as festas – que terán un orzamento superior aos 100 mil euros, pero inferior o das festas de 2017 – serán equilibradas e terán un toque diferenciador coa Festa do Meixón que se celebra en 5 restaurantes ata o 9 de abril.

O domingo  31 a charanga Cantos Somos, a Banda de Música Popular e a orquestra Miramar porán a nota musical, mentres que os grupos  serán os protagonistas do Festival Folclórico que se celebrará no Teatro Municipal dende as 18h.

Actividades infantís

Do luns 2 ao venres 6 os nenos e nenas terán actividades específicas para eles, coas que se busca ofrecerlles unha alternativa de lecer durante as vacacións e escolares e contribuír á conciliación familiar. Así polas mañá de 11 a 13h na Área Panorámica haberá actividades infantís da man de Chirlomirlo, e pola tarde na Sala Félix Rodríguez ás 16h proxectarase unha película de cinema. En ambos casos non é preciso inscribirse previamente, son actividades con entrada libre até completar a capacidade do local.

X Semana de Teatro Afeccionado e música coral

A Semana de Teatro Afeccionado celebrará a súa décima edición do luns 2 ao sábado 7 no Teatro Municipal de Tui onde os grupos Mesturanzas de Areas, Santiago de Malvas, Aloia de Pazos de Reis, San Fins de Rebordáns, e Atalaia do Centro Sociomomunitario de Tui presentarán as súas últimas montaxes, en moitos casos en estrea. Amais as tres corais de Tui do Centro Sociocomunitario, Ponte das Febres e San Telmo actuarán no centro Amoralia e nas Residencias San Telmo e Paz y Bien.

O deporte tamén será protagonista nas festas

O mércores 4 será o día do deporte  con actividades de bádminton, judo, tenis de mesa e xadrez no Paseo da Corredoira de 11 a 14h, e con tenis de mesa ás 16 e patinaxe ás 18h amais de estar prevista unha exhibición de kaiak polo e de slalom na piscina municipal dende ás 16h e a partir das 20.30h haberá partidos exhibición de pádel nas pistas do Liceo Casino.

Amais coma novidade no ámbito deportivo a Carreira Popular de San Telmo celebrarase este ano o sábado 7 dende ás 11h no Paseo da Corredoira baixo a organización do Club Atletismo Tui, previamente ás 10h sairá tamén da Corredoira a Andaina Festas de San Telmo organizada polo club AndaTui. Incorpórase no programa a Epic Race de BTT que percorrerá o paseo fluvial dende ás 7 da madrugada do sábado ás 9 da mañá do domingo.  A Copa San Telmo na que se enfrontará o Tyde F.C. e o S.C. Valenciano, e a III Clásica Manuel Alfaro de coches clásico son outras das actividades previstas para o sábado. Mentres está pendente de confirmarse se finalmente o luns de San Telmo haberá partido de fútbol entre o R.C. Celta e un equipo de primeira división de Portugal, xa que polo momento non hai rival para o equipo vigués.

Broken Peach, la Edad del Oro del Pop Español, Kubo e Panorama

Son dous os concertos previstos este ano nas festas. Por unha banda o venres 6 ás 23.30h actuará no Paseo da Corredoira o grupo Broken Peach, unha banda de soul e rock formada en 2009 que presenta uns directos cunha coidada estética e un amplo repertorio. Previamente actuará dj Gramola.

O domingo 8 ás 22.30h chegará á rúa Compostela o concerto “La Edad del Oro del Pop Español” no que o público poderá disfrutar cos grandes clásicos do pop nacional da man de Roberto  (Iguana Tango), Pablo Perea (La Trampa), Joaquín Padilla (Tenesse), e Chus Herranz.

A orquestra Kubo presentará en Tui o maior escenario de Europa de máis de 27 metros nunha actuación prevista na noite do sábado 7 na rúa Compostela. Neste mesmo lugar actuará o luns 9 a orquestra Panorama. O cartel das verbenas o completan Miramar, Solara, e Pontevedra. No eido musical se celebrará tamén o festival de Karaoke o venres 6 dende as 19h no Paseo da Corredoira.

Food Trucks e Festa do Meixón na oferta gastronómica

Amais da Festa do Meixón que hoxe comeza en 5 restaurantes o venres 6 está previsto un mercado de Food Truck no Paseo da Corredoira no que o público que se achegue poderá degustar distintas variedades gastronómicas.

O luns 9 – Día de San Telmo

As festas na honra a San Telmo pecharanse o luns 9 de abril, xornada na que dende primeira hora se celebrará a Feira Cabalar en San Bartolomeu, onde amais da compra venda de gando tamén haberá distintas exhibicións previstas.  

A charanga Cantos Somos e a Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín, serán as encargadas  da música na última xornada de festa, onde tamén estará presente a Banda de Guerra da Brilat. Os actos relixiosos comezarán xa pola mañá coa misa na honra a San Telmo e a procesión pola Coronilla, e pecharanse ás 21h coa solemne procesión que percorrerá as principais rúas da cidade. A tirada de fogos de artificio marcará o peche das festas.