Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

A VII Eurocidade BTT reunirá a máis de 1.200 participantes

2/03/2018
VII BTT Eurocidade

Celebrarase este domingo con saída dende a piscina municipal de Valença

O próximo domingo 4 de marzo, a partir das 09.00 horas españolas, dende a piscina municipal de Valença, sairá a “VII Eurocidade BTT”, proba deportiva de ciclismo de montaña, organizada pola Eurocidade Tui-Valença, en colaboración coa Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, que percorrerá polas dúas cidades e polos dous montes, o Aloia e o Faro, con dous posibles percorridos, un de 42 e outro de 74 quilómetros, dependendo do nivel de cada participante.

A organización pechou o pasado sábado as inscricións, chegando ao número máximo de participantes. Un total de 1.260 ciclistas, chegados na súa maior parte de Portugal e Galicia, tomarán a saída na proba máis participativa do calendario da Eurocidade 2018, que ano a ano segue sendo cita fixa no calendario dos afeccionados ao BTT.

Dado o número de inscritos, a organización estableceu tres puntos de recollida de dorsais: XtremBike (tenda de bicicletas de montaña de Vigo) o venres pola tarde e o sábado de mañá; en GripBikes Tui o sábado pola tarde; e por último, o día da proba, dende ás 08.00 ata as 08:45 horas españolas, na zona da saída.

Os acompañantes dos participantes poderán participar nunha andaina, que percorrerá a ribeira do Miño, entre Valença e Tui, cos monitores do Club AndaTui Rego da Pedra.

A proba estará controlada en todo momento polos membros da Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, pola GNR, a Garda Civil, a policía local de Tui, así como pola Cruz Vermella Española, Cruz Vermelha Portuguesa e Bombeiros Voluntarios de Valença.

Con motivo desta proba, a Ponte Internacional, a Avenida de Portugal, a rúa Martínez Padín, rúa Cuenca, rúa San Telmo, rúa Antero Rubín, rúa Canónigo Valiño e San Bartolomé, estarán pechadas dende as 09.00 ata as 10.30 horas españolas, sendo habilitadas zonas de saídas alternativas para aqueles que o necesiten, solicitando dende o Concello a máxima colaboración dos veciños e veciñas de Tui.